Sanidade

"Sen persoal non hai sanidade": unha concentración ante o Parlamento exixe ao PP melloras no Sergas

Mobilización esta terza feira ante o Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
Esta mobilización dá continuidade ás realizadas en semanas anteriores en diferentes puntos do país exixindo melloras na Sanidade ao Goberno do PP.

Santiago de Compostela acolleu na mañá desta terza feira unha gran concentración ante o Parlamento da Galiza en defensa da sanidade pública. Múltiples plataformas, sindicatos e organizacións políticas congregáronse para reclamar melloras ao Goberno galego.

Ante a Cámara galega, unha multitude berrou consignas como “A sanidade que se ve é a do PP” ou “Sen persoal non hai sanidade”.

Entre as plataformas que alí se encontraban estaban SOS Saniadde Pública, Chantada Quere Sanidade ou A Plataforma en defensa da Sanidade do Val Miñor.

Outras mobilizacións

Esta mobilización dá continuidade ás realizadas en semanas anteriores en diferentes puntos do país. Unha caravana de vehículos percorreu o camiño desde a Fonsagrada até a cidade de Lugo exixindo melloras na Atención Primaria.

As mobilizacións súmanse á decorrida a no Carballiño a inicios do mes de decembro (comarca homónima), que xuntou máis de 3.200 persoas que reclamaron a restitución de dúas pediatras a xornada completa no centro de saúde da vila.

No marco desta reivindicación, a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública do Carballiño recolleu máis de 3.000 sinaturas en dúas semanas, obtendo tamén o apoio da Corporación local.

Nunha situación similar atópanse os ambulatorios do Condado e da Paradanta. Segundo SOS Sanidade Pública, atópanse sen pediatra O Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Salvaterra, polo que as crianzas deben desprazarse até o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Na mesma comarca, unha soa pediatra debe atender as crianzas de Arbo, As Neves, A Caniza e Crecente, con até 15 días de agarda para as consultas pediátricas.