Persoal dos medios públicos mobilizarase contra a temporalidade e a destrución de emprego

Persoal da CRTVG ás portas da compañía. (Foto: Defende a Galega)
O colectivo de traballadoras e traballadores da TVG e da Radio Galega aprobaron en asemblea unha protesta que abranguerá varias xornadas e modalidades: desde as concentracións á folga.

O persoal da CRTVG mobilizarase a partir desta sexta feira, 8 de abril pola consolidación de todo o emprego temporal de longa duración e contra o despedimento de perto de medio cento de compañeiras e compañeiros.

O persoal dos medios públicos aprobou en asembleas unha serie de protestas e mobilizacións para que a empresa reabra a negociación que fechou "por sorpresa e de forma unilateral" sobre as prazas afectadas polo proceso de estabilización de emprego que prevé a Lei 20/2021, de 28 de decembro, de redución da temporalidade no emprego público.

Perda de emprego

O Comité Intercentros considera que a dirección de recursos humanos quere "ratear prazas ou postos ocupados durante anos e anos por persoal temporal que poderían estabilizarse e consolidarse nos procesos extraordinarios que se deben desenvolver ao abeiro desta Lei, que ten por obxectivo rebaixar a contratación temporal de 8%".

Segundo informa nun comunicado, a representación legal do persoal estima que, de non incrementarse o número de prazas que a empresa prevé convocar, perderán o emprego de forma directa por volta dunhas 40 persoas que levan prestando servizos para a CRTVG de forma temporal e precaria, nalgúns casos, máis de 16 anos.

O cómputo de prazas elaborado de forma unilateral pola empresa, din, "racha de pleno o compromiso transmitido polo director de RRHH, Víctor Tubío, de que 'non vai quedar ninguén atrás' e non deixa outra saída ás traballadoras que esixir vía mobilización o que a lei permite".

Mobilizacións

As mobilizacións comezarán esta sexta feira, día 8, coicidindo co #VenresNegro203, e continuarán a terza, 12 de abril, con concentracións nos centros de traballo, para dar paso, nas cuartas 20 e 27 de abril, a folgas parciais de media xornada que afectarán a todas as quendas horarias.

De non se produciren avances na negociación, o Comité Intercentros avnaza a convocatoria de dunha folga de 24 horas o domingo, primeiro de maio, e para a segunda feira, día 2, baixo o lema 'Pola consolidación de todo o emprego temporal e en contra dos despedimentos na CRTVG'.

O Intercentros solicitou xa xuntanzas urxentes tanto coa dirección de Recursos Humanos como co Consello de Administración da Corporación para abordar este conflito e procurar solucións.