A folga no emprego público polo abuso da temporalidade afecta os programas da CRTVG

Con cotas de até o 80% de temporalidade nalgunhas institucións galegas; CUT, Asociatem e Plategal impulsaron hoxe unha folga de empregadas e empregados públicos que rematou cunha manifestación en Compostela.
Manifestación esta sexta feira en Compostela das empregadas e empregados públicos. (Foto: Arxina)
photo_camera Manifestación esta sexta feira en Compostela das empregadas e empregados públicos. (Foto: Arxina)

A folga de empregadas e empregados públicos na Galiza desta sexta feira para reclamar estabilidade nos empregos públicos temporais, obrigou a emitir avisos informativos na Corporación de Radio Televisión da Galiza pola afectación a programación.

Tras a convocatoria de CUT, Asociatem e Plategal, as traballadoras e traballadores públicos reivindicaron seus dereitos cun seguimento desigual da folga entre sectores.

Segundo sinalan desde a CUT, a Xunta da Galiza “boicoteou absolutamente” a xornada de protesta, ao permitir que só fora seguida polas persoas cun contrato temporal e ao mesmo tempo impor a este colectivo uns servizos mínimos.

As organizacións recoñecen que o efecto do chamamento foi “limitado” en sectores como centros educativos, sanidade ou consellarías.

Desde a Consellaría de Facenda indican que a participación na folga foi dun 6,77% na administración xeral, no ámbito sanitario acadou o 1,39% e no docente apenas foi do 0,15%, e salientan que o cumprimento dos servizos mínimos foi do 100%.

Para rematar coa temporalidade “abusiva”, as entidades impulsoras da folga reclaman unha lexislación que permita a consolidación do persoal eventual.

Ate 80% de persoal temporal nalgunhas institucións

Na Galiza hai “cotas de até o 80% de temporais nalgúns organismos públicos”, apuntan os sindicatos, que advirten que a próxima reforma do estatuto básico do empregado público “suporá aínda máis temporalidade e precariedade para os empregados públicos”.

Esta reforma, abundan, "asenta as bases do desmantelamento duns servizos públicos moi deteriorados tras anos de destrución do emprego público e de privatizacións".

Asemade, explican que o sector público "non se pode permitir a perda da experiencia e profesionalidade dun terzo do cadro de persoal da Administración", que sería substituído por "máis temporais e máis precarios".

Tamén destacan que xa no seu intre, a xustiza da Unión Europea “determinou que España abusa dos contratos sucesivos ao persoal interino”, amais, subliñou que a existencia eventual de oposicións non xustifica estandarizar o abuso dos contratos temporais ás empregadas e empregados públicos.

Manifestación en Compostela

Como remate da xornada de folga, ducias de persoas manifestáronse nesta sexta feira nas rúas de Compostela, saíndo ás 19 horas desde a Praza Roxa en dirección a praza de Praterías, onde decorreron as intervencións finais.

Comentarios