O persoal médico rexeita o “suposto novo modelo” de Atención Primaria presentado pola Xunta

Imaxe de arquivo: Protesto de Atención Primaria na Coruña.

Piden á Consellaría de Sanidade “menos plans difusos” e maior compromiso organizativo e orzamental para reverter o deterioro e pauperización deste e outros servizos da sanidade pública.

Non por agardado foi menos contundente: o non do persoal médico ao novo modelo de Atención Primaria presentado a semana pasada pola Consellería de Sanidade é rotundo. Asó o manifestan nun comunicado conxunto e as sociedades científicas Agamfec, Semergen Galiza, SEMG e AGAPap e o Consello Galego de Colexios Médicos. Piden á administración galega menos “borradores de plans difusos” e máis poñerse mans á obra para realizar as “necesarias decisións claras de carácter organizativo e orzamentario da Consellería de Sanidade para recuperar un nivel asistencial, o da Atención Primaria, imprescindíbel para o sistema público de saúde e que se atopa nunha clara situación de crise".

 

As e os médicos galegos urxen "solucións reais" e consideran que o modelo de Atención Primaria  que presentou a Xunta (e que está aberto a achegas até o 28 de febreiro) é unha mera “declaración de intencións", criticando que "inclúa só parcialmente algunhas das propostas realizadas". O malestar do persoal facultativo coa situación de deterioro de Atención Primaria levou a que o mesmo acordarse protagonizar unha greve. 

 

"Desde o primeiro momento entendemos, e así o fixemos público, que a metodoloxía aplicada pola Consellería nestes últimos Grupos de Traballo non era a correcta para desenvolver un proxecto tan ambicioso como a elaboración dun novo modelo para a Atención Primaria, que dese solución ás inaprazables demandas que se explicitaron nestes últimos meses e sobre as que xa propuxemos solucións nos Grupos de Traballo do 2015", explicaron. "Non é este borrador dun suposto novo modelo, o que levamos tempo demandando, polo que manifestamos o noso rexeitamento ao mesmo", afirman os e as facultativas neste comunicado.

 

Por iso, urxen "solucións reais para os problemas da Atención Primaria”. E póñenlle tarefas á Consellaría: "Necesitamos tempo para os nosos pacientes, unha maior capacidade de xestión nas estruturas organizativas, recursos humanos adecuados ás necesidades poboacionais e medidas contundentes de aproveitamento dos recursos actuais que nos permitan abordar con garantías a cronicidade o envellecemento poboacional con todos os problemas que leva, non só asistenciais se non tamén sociais e comunitarios, recursos técnicos accesibles e un orzamento mínimo que permita afrontar estes retos con solvencia".

 

Xosé Dios, médico especialista de Atención Primaria, cualifica a proposta de "Inconcreción e ambigüidade total". Unha opinoón partillada por non poucos profesionais deste servizo.