Atención Primaria irá á folga na Galiza

Así o acordou a Coordinadora Galega de Atención Primaria a petición de asembleas de persoas de áreas sanitarias, que solicita abrir un diálogo coa administración para atopar solucións á situación deste servizo. 

Si haberá folga xeral en Atención Primaria na Galiza. Así o decidiu na tarde desta segunda feira a Coordinadora Galega de Atención Primaria, recollendo a luva da proposta que nestas semanas foi collendo forza nas asembleas de persoal deste servizo que se realizan nas diferentes áreas sanitarias. Un paro para o que non hai data aínda, pois pode que non sexa unha convocatoria inmediata, que sirva para mostrar o “insostíbel” da situación que se vive en Atención Primaria por mor dos recortes e falla de persoal e medios.

 

Fontes da Coordinadora avanzaron a  Sermos Galiza a decisión que fica pendente de se concretar polo miúdo. Destacan, así mesmo, a importante asistencia e participación na xuntanza deste órgano, con presenza de facultativos, persoal e representantes de sociedades científicas, e que a proposta de greve contou cun apoio absoluto. A data e formato da folga ("coordinada cos sindicatos") fican pendentes de concretar, o que se fará após o día 20, data na que o goberno galego presenta o seu novo modelo de Atención Primaria.

 

A Coordinadora tamén acordou solicitar unha negociación coa administración na que poñerán sobre a mesa unha serie de cuestións que consideran de gran importancia: aumento de orzamento significativo para Atención Primaria (até 25% do orzamento sanitario total), incremento  de persoal (convocatoria inmediata de todas as prazas que se necesitan), contratos estábeis e dignos. Entre as demandas do persoal deste servizo tamén está a creación da Xerencia de Atención Primaria en pé de igualdade ca Xerencia Hospitalaria.