Persoal ferroviario exixe máis mantemento ante os sucesivos descarrilamentos na Galiza

Vagóns fóra da vía tras o descarrilamento en Vilamartín de Valdeorras. (Foto: Concello de Vilamartín de Valdeorras)
A calor e o menor control das vías explicarían os descarrilamentos 

Dous descarrilamentos en trens de mercadorías este ano, o segundo acontecido na cuarta feira, 23 de agosto, poñen en alerta o persoal e os sindicatos ferroviarios, que reclaman recuperar o servizo de mantemento "desmantelado". 

O servizo ferroviario de mercadorías viviu na cuarta feira, 23 de agosto, o segundo descarrilamento grave no que vai de ano. O accidente tivo lugar na liña Ponferrada-Monforte de Lemos, entre Vilamartín e A Rúa-Petín (comarca de Valdeorras) ao saírse das vías varios vagóns nun tren que transportaban mercadorías perigosas. Adif, o administrador da infraestrutura ferroviaria, anunciou na cuarta feira que abría unha investigación para coñecer as causas deste último descarrilamento. Fontes da empresa non descartaban que a razón do accidente tivese relación coas altas temperaturas. 

Para o coordinador do sector ferroviario do sindicato CXT-Galiza, Juan Sánchez, ten coherencia que o motivo fose “como consecuencia da dilatación das vías pola calor extrema desa xornada”. Porén, sinala a Nós Diario que ten un gran peso “o menor mantemento destas liñas que outras que se empregan máis”. Neste sentido, lembra que pola vía única que rexistrou este accidente “pasan catro trens de viaxeiros, dous do Alvia cara a Barcelona e dous do Rexional de Ponferrada, e son máis os de mercadorías”. Por este motivo asegura que “segue a ser a liña máis afectada pola falta de restitucións dos servizos que había até a pandemia, como os catro trens nocturnos que se desprazaban até Barcelona e Madrid, o media distancia cara a León e o de Euskadi”. 

Desde o Sindicato Ferroviario tamén coinciden con esta valoración. O seu secretario xeral en Ourense, Carlos Díaz, constata de maneira presencial as altas temperaturas que había ese día en Vilamartín. “Con 44 ºC, o balastro produce aínda máis calor e as agullas nos carrís para cambiar de vía son finas e defórmase”, explica a Nós Diario.

Diante esta situación, que cualifica de “inevitábel”, o mantemento non está á altura. “Dexenerou un montón, falta persoal e reducíronse as brigadas de vías e obras que había”, indica. “No Barco de Valdeorras houbo moitas xubilacións e derivaron persoal a Monforte de Lemos”.  

A prioridade é o AVE

“O mantemento da liña convencional pasou a un cuarto plano, só se atende a do AVE”. Así de contundente foi a contestación da secretaria xeral de CCOO da sección sindical Adif-Renfe de Ourense, Míriam Piñeiro, ás preguntas sobre esta cuestión formuladas por Nós Diario. “Esa falta de mantemento, sumada ás altas temperaturas, fan que a infraestrutura se resinta”, asegura, "levamos tempo denunciando esta situación". 

Esta sindicalista engade, ademais, que se está a dar “un abandono absoluto do servizo de mercadorías por parte de Renfe, que leva tempo querendo vender esta unidade de negocio”. Por este motivo entende que accidentes deste tipo son “o resultado das xestións das dúas empresas, tanto Renfe, nos trens, como Adif, nas infraestruturas” que  “miran polo rendemento económico e non polo servizo público á cidadanía”

O accidente en Vilamartín afectou desde a cuarta feira o servizo de pasaxeiros que, nesta liña, son o rexional Vigo-Ponferrada e o Alvia que comunica Barcelona coa Galiza. Esta quinta feira, Adif notificou a retirada do tren e dos vagóns e a posíbel recuperación da circulación esta sexta feira, 25 de agosto, desde as 7 horas.