Persoal e doentes do Hospital da Mariña denuncian a "censura" da dirección: "Non nos calarán"

Mobilización no Hospital da Mariña, en Burela, este 23 de maio. (Foto: Nós Diario)

A dirección do centro requisou esta semana unha faixa elaborada por tres artistas locais que pretendía denunciar a "deterioración" da sanidade pública.

Esta sexta feira, profesionais e doentes acudiron con cinta e mans na boca para "deixarlle ben claro a quen dirixe a nosa sanidade que non imos cansar, e que non nos calarán".

A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña, en Burela, ao rematar a concentración desta xornada, presentouse acompañada de doentes e profesionais na dirección do centro para exixir a recuperación da pancarta artística confiscada "nun ambiente de crispación e nerviosismo por parte de quen dirixe o centro".

Trátase dunha faixa reivindicativa dedicada ás persoas doentes da Mariña que a dirección do hospital mandou descolgar apenas unha hora despois da súa presentación pública a comezos desta semana. Pedro Cabarcas, Adri Pardo e Neira Brochs foron os autores da obra baixo o lema "En defensa dos pacientes da Mariña" e na que cada un dos artistas debuxou distintas caras, incluída unha reinterpretación d'O berro de Munch.

Un día despois, colgaron unha faixa negra que pretendía criticar a "invisibilización" da sanidade da Mariña, e que tamén foi retirada pola dirección do centro.

Esta sexta feira, persoal e pacientes presentáronse na dirección do centro hospitalario, que solicitou a presenza do servizo de seguridade. Segundo trasladan desde a Xunta de Persoal, a dirección confirmoulles que a faixa realizada por Cabarcas, Pardo e Brochs sería devolta, após asinar un recibí, e efectivamente, así foi. "A faixa foi devolta a última hora da mañá".

Desde a Xunta de Persoal do Hospital da Mariña queren manifestar o "agradecemento especial a todos e todas as profesionais que incondicionalmente, saen dando a cara para loitar na defensa dos pacientes da Mariña, incluso vindo das súas casas". Agradecen tamén a "pacientes, que tamén acoden desde as súas casas a dar a cara e a defender un piar básico do estado de benestar: sanidade pública de calidade e de proximidade".