Persoal do Sergas nos centros de saúde galegos protesta contra o XIDE

Protesta da CIG-Saúde en Serantes, Ferrol (Foto: Nós Diario).
A CIG exixe mudar o sistema de xestión de citas.

A CIG-Saúde manifestou onte, na mesa sectorial o seu rexeitamento ao protocolo de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE) -xestión de citas médicas- e reclamou que se poña en marcha un proceso de negociación co persoal de Atención Primaria para que se mude por outro sistema que realmente responda ás necesidades.

Esta ferramenta para xestionar as citas para acceder ás consultas das e dos distintos profesionais  “ten que ser unha ferramenta útil ao persoal e permitir organizar a demanda asistencial dando resposta ás necesidades tanto dos profesionais como da cidadanía”, afirmou o secretario nacional da central nacionalista, Manuel González Moreira.

Coincidindo coa realización da mesa sectorial, centos de traballadoras e traballadores do Sergas concentrábanse ás portas dos centros de saúde de toda a Galiza para sumarse a este rexeitamento ao XIDE, un sistema que “ademais de supor unha sobrecarga de traballo, xera unha situación de inseguridade xurídica para o persoal, nomeadamente nas demandas de consulta urxente e sen cita que se solicitan no mesmo día”.

Así, Moreira denunciou que esta ferramenta “enlentece o proceso no momento de dar a cita, xerando colas enormes diante dos mostradores”.

Ademais obriga a ter que preguntar en público o motivo de consulta das persoas que chaman ou acoden aos centros, polo que non se garante a súa confidencialidade e limita a autonomía do persoal na xestión das citas, “impedindo que poida facer valer o criterio de urxencia tanto do propio persoal como da persoa usuaria”.

A CIG-Saúde xa denunciara esta situación no Consello técnico de Atención Primaria, no momento en que se presentou.