Persoal da UCI de Ourense alerta do "grave risco" polo incumprimento da normativa de seguridade

Concentración do persoal da unidade de coidados intensivos do hospital ourensán, esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
Enfermeiras e técnicas en coidados auxiliares de enfermaría da unidade de coidados intensivos (UCI) do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) concentráronse esta segunda feira ás portas do centro en protesta polo "grave risco" para as persoas usuarias que se deriva dos últimos cambios experimentados no servizo.

O día 12 de decembro do 2023 comezou o traslado dun total de 20 doentes da UCI do CHUO a outros dous espazos do hospital (10 á zona onde xa se acabou a primeira fase da nova UCI e 10 na Unidade de Recuperación Postanestésica do centro) para proceder a iniciar a segunda fase das obras nova unidade de coidados intensivos do centro sanitario.

Neste sentido, segundo denunciaron esta segunda feira enfermeiras e técnicas de coidados auxiliares de enfermaría do hospital, tras o cambio de espazo da UCI, as normas de seguridade que rexen neste servizo "son de moi difícil cumprimento", o que supón ademais "un grave risco" para as persoas usuarias. Ademais, tamén demandaron un aumento de persoal no servizo para poder cumprir as ratios legais de pacientes que son atendidas por cada traballadora.

"A seguridade dos e das doentes constitúe un deber básico e esencial na práctica asistencial que as entidades sanitarias deben preservar coa finalidade de mellorar a calidade dos coidados e a continuidade asistencial dos mesmos", explicaron as traballadoras ao respecto.

"A estrutura da nova unidade sofre cambios moi importantes con respecto á UCI antiga. Despois dun mes nos novos espazos habilitados detectamos problemas que contribúen a dificultar o traballo individual e en equipo que se realiza nunha unidade de coidados intensivos", denunciou o persoal. 

Ademais, engadiron, "poñen en risco os coidados dos nosos doentes", pois existe unha "falta de cumprimento dos estándares e recomendacións para as unidades de coidados intensivos recollidas polo Ministerio de Sanidade e Política Social".

Por outra parte, sinalaron, o emprego provisional da Unidade de Recuperación Postanestésica "era algo previsto" e a pesar diso, "non se tomaron as medidas nin se realizaron as obras axeitadas para fomentar uns coidados con calidade e garantir seguridade asistencial".

Todas estas circunstancias, lembraron, foron postas en coñecemento o pasado 16 de decembro, sen que a xerencia do Sergas teña achegado solucións até o momento. Por iso, reclamaron que "se tomen as medidas que sexan precisas para mudar a situación e poder prestar coidados de calidade, así como garantir a seguridade dos doentes e das traballadoras". 

Protesta na Fonsagrada

O BNG volveu convocar esta segunda feira á veciñanza da comarca da Fonsagrada a unha nova concentración en defensa da atención primaria no centro de saúde da localidade homónima, que tamén presta servizo a Negueira de Muñiz. "Tras anos sen asumir as demandas da xente da Fonsagrada de facilitar os servizos de radioloxía ou fisioterapia sen ter que desprazarse até Becerreá [comarca dos Ancares], os fonsagradinos e fonsagradinas teñen que soportar agora que rematen tamén coa atención primaria, ao eliminarse o médico compartido con Negueira de Muñiz, como xa se fixera antes co de Ribeira de Piquín [comarca de Meira]", denunciou a forza nacionalista.