A Xunta non cobre as baixas dos traballadores contaxiados ou illados

O persoal da residencia de Outeiro partilla os equipos de protección

Persoal de limpeza nas portas da residencia de DomusVi en Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A intervención da Xunta da Galiza no centro non está implicando un aumento de medios humanos para facer fronte ao coronavirus. Así o conta a secretaria da federación de servizos da CIG en Lugo, Carmen Antas.

Máis unha usuaria da residencia DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, faleceu o día de onte, polo que este centro residencial suma xa sete persoas falecidas desde o comezo do gromo que afecta 141 residentes e a 23 traballadores. Segundo os datos achegados desde a xerencia da área sanitaria de Lugo, “uns 20 usuarios da residencia de Outeiro de Rei” a última hora de onte atopábanse internados en planta no Hospital Universitario Lucus Augusti. Ao tempo, as fontes sanitarias consultadas por Nós Diario confirman que o surto está lonxe de ser controlado e que “aínda queda moito por sufrir”.

A intervención da Xunta da Galiza non está implicando un aumento de medios humanos para facer fronte á pandemia. Así o asegura a secretaria da federación de servizos da CIG en Lugo, Carmen Antas, quen en conversa con este medio advirte da “falla de persoal” como consecuencia do alto número de contaxios entre os traballadores. Os máis afectados, di, son “xericultores e persoal de limpeza”, que son os colectivos con máis contacto coas persoas usuarias. “O único no que se nota a presenza da Xunta é que agora contamos cun equipo médico”, sinala Antas, representante da forza sindical maioritaria na residencia de Outeiro de Rei.

A Xunta non está efectuando contratacións para cubrir as baixas por contaxios e illamentos”, denuncia Antas, quen engade a “carga física e mental que isto supón para o resto de traballadoras e traballadores”. A este respecto, indica que “para poder cubrir os coidados básicos estanse dobrando quendas” e que a intervención do Goberno galego “non mudou as nefastas circunstancias nas que o persoal segue prestando servizos". “A Xunta non está tirando das listas de substitucións para facer fronte a esta emerxencia”, denuncia Antas, quen lembra que “DomusVi está tendo problemas para contratar xente, malia ofrecer compensacións económicas”.

Os traballadores e traballadoras quéixanse da ausencia de medidas de protección na residencia de Outeiro. “Non hai protocolos novos nin se aumentaron as medidas de protección desde a chegada da Xunta”, destaca Antas, quen revela que “o persoal da quenda da maña usa a mesma roupa de protección contra o coronavirus que o da tarde” despois de sometelo a “unha deficiente desinfección". Neste sentido, refírese a que desinfección do equipo de protección se restrinxe só á súa parte externa, polo que demanda “roupa especializada para cada traballador” e que “o persoal da maña e da tarde non comparta a mesma roupa de traballo”.

A ausencia de medidas de protección individual axeitadas representa un factor engadido de risco para residentes e traballadores. Neste sentido, a sindicalista rexeita a tentativa de DomusVi de responsabilizar o persoal da situación de contaxio masivo que se rexistra na residencia, "cando demostrou sobradamente a súa profesionalidade e o seu compromiso coa atención e os coidados das persoas residentes". Ao tempo, lembra que en “todo o período do estado de alarma, foi o esforzo das traballadoras e traballadores quen permitiu que o centro estivese libre de coronavirus”.

A Xunta chega tarde

A gravidade da situación da residencia de Outeiro de Rei era coñecida con anterioridade á súa intervención do 8 de setembro. A este respecto, Antas critica a “demora da Xunta da Galiza en tomar a decisión política de intervir o centro de maiores” e critica que non se producise “até que houbo 144 usuarios positivos e 24 traballadoras”. As súas palabras coinciden coas das familias das residentes consultadas por Nós Diario, moi molestas pola lentitude na resposta da Administración galega.

"Esta intervención tíñase que ter feito moito antes se a pretensión da Xunta era intentar frear os contaxios e non, como parece, garantir coidados paliativos", sinala Antas, quen insta a Consellaría de Política Social a que “asuma responsabilidades políticas” e que reclama “a intervención de todas as residencias privadas da Galiza”.