O persoal da CRTVG responsabiliza a dirección das "baixas audiencias"

Protesta do persoal da CRTVG, en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).

O Comité Intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG, antiga CRTVG) chama a empresa a abandonar “as decisións erráticas e improvisadas dos últimos meses, con novas contratacións externas que non van poder salvar o dano realizado durante anos por unha liña editorial sincronizada cos intereses do Goberno da Xunta do Partido Popular".

No marco dos recentes cambios de presentadoras do Telexornal Mediodía da TVG, o Comité Intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (antiga CRTVG) insta a dirección dos medios públicos a asumir “dunha vez a súa responsabilidade total nas baixas audiencias que arrastra a cadea pública, en mínimos históricos".

Segundo o Comité de empresa, son as "insoportábeis prácticas de manipulación informativa, das que a cidadanía é xa plenamente consciente, as que provocaron, pouco a pouco, a desafección total dunha audiencia, antes fiel, que procura agora noutros medios a información veraz, fiábel e de proximidade que non ofrece a TVG, e tampouco a Radio Galega".

O Intercentros pídelle tamén á dirección do ente público "que revise e reflexione sobre o conxunto da programación, á que a cidadanía tamén lle está a dar as costas" porque, en opinión das representantes do persoal, "non reflicte a pluralidade social do país nin cumpre co mandato de servizo público".

Por este motivo, o Comité chama á empresa a abandonar "as decisións erráticas e improvisadas dos últimos meses, con novas contratacións externas que non van poder salvar o dano realizado durante anos por unha liña editorial sincronizada cos intereses do goberno da Xunta do Partido Popular”.

O Comité Intercentros pide que non se poña "o foco sobre as traballadoras, malia que moitas das que contribuíron a acadar hai anos altísimos índices de audiencia están hoxe aparcadas das que eran as súas tarefas". Por este motivo demandan "revisar" as decisións empresariais de fondo que, segundo o Comité, "explican a desafección da cidadanía dos medios públicos" e exixen "purgar, en todo caso, os membros do equipo directivo responsábeis da mesma".

Mudanza de presentadora no 'Telexornal Mediodía'

A TVG continúa inmersa nun proceso de cambios internos que está a levantar inquedanzas dentro e fóra da corporación pública. Dous meses despois de anunciar con notábel expectación a incorporación de Antía Araújo como nova presentadora do Telexornal Mediodía, a CSAG –antes CRTVG– decidiu prescindir dos seus servizos neste espazo e trasladala á edición de fin de semana do informativo. Araújo, cuxa chegada fora anunciada como unha aposta pola renovación e como un "reforzo estratéxico", presentará o Telexornal Fin de Semana xunto a David Valverde.

O posto do mediodía pasa agora a estar ocupado por Marta Darriba, subdirectora de Xestión dos Servizos Informativos, unha das persoas de máxima confianza da dirección da corporación. Darriba ten moderado varios debates electorais e está considerada unha das voces aliñadas coa actual liña editorial da canle pública galega.

A decisión sorprende polo momento escollido: apenas dúas semanas despois do inicio da campaña 2025/2026 e nun contexto de caída continuada das audiencias, tamén nos informativos principais da televisión galega. Os datos de Kantar Media, empresa responsábel da medición das audiencias de televisión de todo o Estado español, evidencian a desaceleración do consumo informativo da TVG, que rexistrou no mes de outubro o segundo peor dato do ano despois do de xuño.

Fontes da corporación consultadas por Nós Diario valoran como positivos os datos de audiencia rexistrados polos informativos da televisión pública galega e desligan os cambios da situación de audiencia, e aseguran que a reestruturación responde a "parte da renovación da grella da TVG, que inclúe cambios tanto en contidos [como o novo formato do Land Rober ou o novo programa Pulso activo] como en espazos informativos".