A TVG muda a presentadora do 'Telexornal Mediodía', dous meses despois de anunciala como "reforzo estratéxico"
A TVG continúa inmersa nun proceso de cambios internos que está a levantar inquedanzas dentro e fóra da corporación pública. Dous meses despois de anunciar con notábel expectación a incorporación de Antía Araújo como nova presentadora do Telexornal Mediodía, a CSAG –antes CRTVG– decidiu prescindir dos seus servizos neste espazo e trasladala á edición de fin de semana do informativo. Araújo, cuxa chegada fora anunciada como unha aposta pola renovación e como un "reforzo estratéxico", presentará o Telexornal Fin de Semana xunto a David Valverde.
O posto do mediodía pasa agora a estar ocupado por Marta Darriba, subdirectora de Xestión dos Servizos Informativos, unha das persoas de máxima confianza da dirección da corporación. Darriba ten moderado varios debates electorais e está considerada unha das voces aliñadas coa actual liña editorial da canle pública galega.
A decisión sorprende polo momento escollido: apenas dúas semanas despois do inicio da campaña 2025/2026 e nun contexto de caída continuada das audiencias, tamén nos informativos principais da televisión galega. Os datos de Kantar Media, empresa responsábel da medición das audiencias de televisión de todo o Estado español, evidencian a desaceleración do consumo informativo da TVG, que rexistrou no mes de outubro o segundo peor dato do ano despois do de xuño.
Fontes da corporación consultadas por Nós Diario valoran como positivos os datos de audiencia rexistrados polos informativos da televisión pública galega e desligan os cambios da situación de audiencia, e aseguran que a reestruturación responde a "parte da renovación da grella da TVG, que inclúe cambios tanto en contidos [como o novo formato do Land Rober ou o novo programa Pulso activo] como en espazos informativos".