O persoal celador demanda ante o Sergas melloras e o respecto da súa categoría laboral

Onte o persoal celador marchou polas rúas de Compostela. Arredor de duascentas persoas partiron de San Caetano e finalizaron diante da sede do Servizo Galego de Saúde, o Sergas. Unha das súas principais reclamacións é que o Sergas deixe de suplir as prazas vacantes de celadoras con Persoal de Servizos Xerais. "Trátase dunha categoría aprobada pola Consellaría e que só existe na Galiza", denuncia Ángel Bergueiro a Nós Diario, na profesión desde finais dos 90. A reconversión de postos de traballo afecta principalmente aos Puntos de Atención Continuada e os centros de saúde da Atención Primaria. 

"Os nosos problemas son de vello" segue Bergueiro. Á perda de oportunidades de emprego súmase a falta de desenvolvemento do decreto que regula a súa cualificación. "Está aprobado, mais é preciso que o Sergas o desenvolva, isto é moi importante para nós",  apunta o celador. Tamén a fin da progresiva privatización de servizos do sistema sanitario. Un dos que afectou a este persoal foi o do almacén que prové aos centros hospitalarios, "hoxe lévao unha empresa privada de Negreira".

Como outras categorías profesionais no eido da saúde, as celadoras acusan unha alta eventualidade e temporalidade. "Vives pegado ao teléfono, se non atendes as chamas para ir traballar poden penalizarte. A xente acumula contratos de traballo por días, sen ter dereito a vacacións ou a unha baixa laboral", denuncia Bergueiro, "e isto acontece tanto nas listas xerais como nas de emprego temporal".

Ante o Sergas, o persoal celador demandou que a Xunta atenda as súas reclamacións. O pasado ano, no marco de varias manifestacións, solicitaron unha reunión apoiada por até 7.000 sinaturas. "Nunca se produciu", di Bergueiro, quen asegura que as celadoras "non queremos aproveitar as eleccións, como din algúns, o que queremos é diálogo". E as manifestantes aseguraron que continuarán até que as escoiten. 

Contacto coas pacientes

Ángel Bergueiro lembra que as celadoras son o primeiro persoal co que teñen contacto as pacientes cando chegan a un centro hospitalario. "Somos polivalentes, facemos de todo", resume. E ese todo engloba desde mobilizar as pacientes para realizar probas, axudar na súa atención nos momentos de aseo, axudar ás cirurxiás e anestesistas na colocación das doentes ou transportar as mostras.