As celadoras urxen respectar as súas prazas

O colectivo de celadores comezou a mobilizarse hai nove meses.
A Asociación de celadores Galegos convoca unha nova concentración nos hospitais da Galiza para reivindicar a súa valía profesional e defender os seus postos de traballo, en contra da xestión do Sergas. 

O colectivo de celadoras e celadores da sanidade pública galega vólvese concentrar esta terza feira diante dos principais hospitais do país en protesta pola política do Sergas e en defensa dos seus postos de traballo.

Desde a Asociación de Celadores Galegos denuncian a situación de abandono na que se atopan e o desleixo da Administración á hora de xestionar a reposición de vacantes propias da súa categoría.

“Estannos deixando sen prazas”, comenta a Nós Diario Ángel Bergueiro, membro da plataforma. “Desde hai tempo, o Sergas insiste en reconverter as prazas de celador, sobre todo nos centros de Atención Primaria e nos Puntos de Atención Continuada. Cada vez que xorde unha vacante, unha baixa ou un permiso, en vez de chamar a unha celadora, substitúena por profesionais doutra categoría, coñecida como Persoal de Servizos Xerais (PSX)”.

Desta forma, critica, as prazas propias van minguando en beneficio dunha categoría superior, exclusiva do sistema galego de saúde. “Reclamamos os nosos postos, que se respecte a categoría do celador e se dote de formación. Queremos que o Sergas cumpra e se sente a negociar con nós", conclúe Bergueiro.