A "perpetuación" das medidas contra a Covid irritan a hostalaría

Consumición na barra dun bar coruñés, no día en que se permitiu acceder a este espazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #bar #restricións #hostalaría #comitéclínico
O sector volve turrar contra a decisión da Xunta da Galiza de prorrogar os vellos horarios de apertura e o número de comensais por mesa tanto en interiores como ao aire libre.

O paso atrás do Goberno galego canto ás restricións fronte a Covid non convence ao sector da hostalaría, un dos máis castigados pola pandemia. Coincidindo co auxe da sexta vaga en plenas festas de Nadal, foi tamén un dos máis afectados polas limitacións, máis estritas, acordadas polo Comité Clínico e o Executivo de Núñez Feixoo.

A evolución da pandemia comeza a dar tregua. Os datos apuntan unha fase de estabilización que levou á Xunta suprimir as restricións máis severas. Volve o consumo nas barras, amplíanse os horarios e os grupos que poden compartir mesa en bares, restaurantes e cafeterías. Un alivio insuficiente, apuntan desde a Asociación Empresarial Hostalaria.gal.

Dano incalculábel

Segundo denuncia, as últimas medidas adoptadas polo Goberno galego, en vigor desde este sábado, "supoñen unha perpetuación das restricións, que veñen causando un incalculábel dano económico ao sector".

Tras dous anos de coronavirus, "a hostalaría segue sometida a limitacións que non permiten traballar na legalidade establecida das nosas licenzas, tanto en horarios coma en límites de capacidade”, analiza.

O sector asevera que estes atrancos provocaron a desaparición de centos de empresas e de miles de postos de traballo. A día de hoxe, din, nada mudou e séguense a dar "consecuencias tremendamente negativas para o sector e para o conxunto da economía galega, dado o peso específico que a nosa actividade ten no Produto Interior Bruto (PIB). Un exemplo é, como comprobamos recentemente, a caída das pernoctacións nun 38 % a respecto de 2019".

Ante esta nova fase de control da pandemia, Hostalaria.gal esixe a eliminación de todas as medidas restritivas, "totalmente ineficaces a respecto dos contaxios de Covid".

"O número de contaxios desta sexta onda foi enorme, o cal demostra que o camiño das limitacións aplicadas de forma case exclusiva ao noso sector non dá resultado", incide o colectivo.

Outro Nadal perdido

O sector sinala que a repercusión económica desta última onda de contaxios é notábel tras o fracaso da campaña de Nadal, a segunda consecutiva.

"Comprobamos con espanto que, a estas alturas, o Goberno galego non teña anunciado ningún tipo de medida económica que poida paliar a grave crise que atravesa o sector. Reclamamos con urxencia que teña disposición ao diálogo co conxunto do sector co fin de artellar medidas que freen a destrución de empresas e de postos de traballo", conclúe a asociación.