O ferido en estado moi grave durante o incendio da fábrica de Pontesa (Pontevedra) é concelleiro en Marín

Columna de fume nos primeiros momentos do incendio. (Foto: Emilio Luna)
O lume está controlado desde as 23.30 horas do domingo

[Noticia actualizada ás 13.11 horas]

O incendio que se produciu este domingo na antiga fábrica de cerámica de Pontesa, en Pontevedra, deixou un saldo de tres persoas feridas. Unha delas, un traballador da fábrica anexa na que comezou o lume, permanece ingresado en estado moi grave despois de sufrir queimaduras de consideración en 85% do seu corpo.

En concreto, o ferido é Benito González Dopazo, concelleiro polo PSdeG en Marín. O home, de 59 anos, tivo que ser trasladado até o  Complexo Hospitalario Universitario dá Coruña (Chuac) debido á gravidade das súas feridas. Os outros dous afectados son un bombeiro, que sufriu feridas de carácter leve, e un home de 44 anos que foi socorrido no propio lugar dos feitos.

O incendio permanece controlado desde as 23.30 horas do domingo, mais os servizos de emerxencias levan traballando toda a noite para arrefriar a zona e evitar que as lapas poidan volver a propagarse, segundo informa na mañá desta segunda feira o 112.

Tal e como indican fontes do operativo, hoxe xa só quedan no lugar do sinistro membros do parque de bombeiros de Pontevedra, que vixían a zona con cámaras térmicas, e unha cisterna da Axencia de Emerxencias da Galiza (Axega), preparada para ser empregada en caso de ser necesario.

Investigación do ocorrido

Polo de agora, e mentres non se poida levar a cabo unha investigación máis extensa do ocorrido, os equipos de emerxencias apuntan a que unha faísca semella a principal causante do incendio. Esta puido caer nun moreo de pipas de xirasol que se atopaba almacenada na nave onde comezou o incendio.

Aliás, no recinto externo do complexo de Pontesa acumúlanse desde hai semanas toneladas de madeira pertencentes a Ence, nomeadamente eucalipto, que poderían ter agravado as lapas e dificultado os labores de extinción.

O incendio provocou que a Xunta da Galiza declarase o Plan Territorial de Emerxencias (Platerga), co obxectivo de  "garantir a coordinación entre os organismos mobilizados para facer fronte á situación de risco". Veciños e veciñas de Pontevedra e Soutomaior -o concello lindeiro coa nave- compartiron durante toda a tarde do domingo imaxes da columna de fume negro provinte da fábrica.

A Pontesa é recoñecida por ser unha das fábricas onde as traballadoras reclamaron a equiparación de dereitos cos seus compañeiros homes. Nesta zona de Pontevedra vivíronse algunhas das manifestacións da loita obreira máis importantes das décadas dos 80 e 90.

“Indignación” entre as ex traballadoras

Varias das mulleres que traballaron durante anos na Pontesa mostraron a súa tristeza e “indignación” polo incendio, xa que critican que un espazo cunha carga simbólica tan grande para a comarca non contase cunha maior protección e coidado.

“Non se preocuparon nin en facer un museo. Indignación é o que sinto. E se algún día se fixo algo para recordar a Pontesa, que deu tanta vida [a Soutomaior], nunca partiu deles”, afirmou Dolores Parra, unha das antigas traballadoras da fábrica, en referencia ao Goberno local de Soutomaior e o seu alcalde, Agustín Regueira (PP).