Os peritos da aseguradora de Renfe consideran que na curva de Angrois o risco era “intolerábel”

Os tres expertos que compareceron perante o xuíz coinciden en que Adif non fixo a análise integral da liña Ourense-Santiago mais discepan sobre se esta era obrigatoria.

A curva da Grandeira, en Angrois, onde o 24 de xullo descarrilou un tren Alvia provocando a morte de 80 persoas, supuña un risco “intolerábel”. Así o afirman os dous peritos da aseguradora de Renfe na súa comparecencia perante o xuíz Andrés Lago. Un risco, considera, que é incompatíbel coa normativa pois a posibilidade era que acontecese un accidente cada seis meses.

Ambos os dous peritos (Frans Heijnen e James Robert Catmur) tamén sinalaron que Adif non fixera a análise integral da liña Ourense.Santiago, onde tivo lugar o tráxico sinistro. Algo no que tamén coincide un terceiro perito, o catedrático da Universidade de Cantabria Enrique Castillo Ron, se ben este último mantén que dita análise non era obrigatoria. Obrigatoriedade que para os dous peritos da aseguradora de Renfe si que existía. A postura de Castillo Ron é apoiada polo Avogado do Estado que representa Adif, administrador ferroviario.

Tanto o avogado defensor do maquinista, única persoa imputada polo accidente, como as plataformas de defensa das vítimas, como Alvia o4155, consideran que con estas novas declaracións si que se pode seguir a investigar e ampliar as imputacións. Unha voceira das vítimas, Teresa Gómez, considera que o tstemuño dado polos peritos de Renfe vén ratificar o informe da Unión Europea que cuestionaba a seguridade na curva onde tivo lugar o sinistro ferroviario.