Xuízo do Alvia

Un perito de Adif culpa o maquinista, "ben pago", porque "debe estar presente e non lendo a prensa"

O perito de Adif Antonio Puyol. (Foto: Europa Press)
Antonio Puyol apunta a unha "desatención prolongada" de Francisco Garzón, un dos procesados canda o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

O perito Antonio Puyol, que realizou un estudo para Avogacía do Estado —que representa Adif— sobre o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, afirmou esta terza feira que o maquinista é un profesional "ben pago" e o sistema require que estea "presente e consciente" e non "lendo a prensa".

Na súa comparecencia no xuízo para determinar as causas da traxedia, que supuxo 80 mortes e 140 feridos, Puyol ratificou o seu informe e atribuíu o sinistro a unha "desatención prolongada" do maquinista, Francisco Garzón, procesado na causa xunto ao ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

"Non se podía pensar que un maquinista podía estar tanto tempo desatendendo o seu labor", aseverou, ás preguntas do avogado do Estado, que conduciron a unha conclusión final: era "incríbel" que o descarrilamento, na súa opinión, se puidese producir, pero se se materializou foi por unha "desatención prolongada" da "responsabilidade" do maquinista.

Neste sentido, asegurou que "antes" do accidente "non se podía facer nada" para protexer o risco de entrar na curva cun exceso de velocidade, pero admitiu que "despois se dixo, 'ben, hai que facer algo para que isto non volva ocorrer'".

Así, Adif "determinou que cando había un salto de velocidade importante, que se denomina cambio significativo de velocidade, entón había que sinalizalo de forma diferente e advertir o maquinista disto, e, aliás, se era posíbel, porlle unha baliza". "Pero a continuación do accidente; desgraciadamente non antes, porque non aflorou", resolveu.

Previamente, este especialista, que dirixe a empresa Airtren, que ten entre os seus clientes á propia Adif, expuxo a tese de que o maquinista tivo "marxe" de "tempo" para "corrixir" o seu propio erro. De feito, apuntou á duración da chamada que recibiu do interventor ao teléfono corporativo e dixo que "non os 100 segundos, pero si da orde dos 80-90 segundos". "Non os utilizou para corrixir ese erro e mira que tiña impactos visuais, uns 20, para recoñecer e recolocarse e aplicar", esgrimiu.

Nesta liña, a continuación, a cuestións do fiscal, insistiu en que o perigo "non aflorou" posto que "a pericia dos maquinistas o que fixo durante toda a vida é controlar esa situación". Ademais, apuntou a dous dispositivos para "poder controlar o tren", polo freo de emerxencia e o 'cogomelo'. Iso, segundo sostivo, noutras ocasións, "paliou o risco de sobrevelocidade".

"A pregunta é como non se valora como risco ese salto de velocidade que só pasa a ser controlado polo maquinista", espetoulle o representante do Ministerio Público. "Todo o mundo entende que o maquinista... Ademais, é que o maquinista recibiu as informacións", replicou o comparecente.

"Chámame a atención que o sistema controle a velocidade e que nun punto determinado que se ve que hai ese salto de velocidade, e podería chegarse á conclusión facilmente de que estamos nun punto de risco, que non implementemos medidas para evitar o posíbel erro", proseguiu a Fiscalía. "Ese risco foi analizado por Renfe, que é o operador da liña", respondeu o perito.