Pensionistas e xubilados maniféstanse en Vigo contra os "abusos" dos bancos

Concentración de xubilados e pensionistas en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Piden rematar coa imposición da relación informática entre usuarios e traballadoras, coa redución de horarios de atención presencial e co peche de oficinas, entre outras.

Xubilados e pensionistas concentráronse na terza feira en Vigo para reclamar unha "atención bancaria digna" e denunciar os "abusos" dos bancos.

A manifestación foi convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), que criticou a "discriminación" que as entidades bancarias exercen sobre as persoas maiores ao "fiar todo á banca electrónica", obstaculizando as súas xestións, especialmente nas zonas rurais.

 A protesta decorreu no cruce das rúas Colón e Policarpio Sanz, unha das zonas da cidade na que máis entidades bancarias se concentran.

Durante a concentración, levouse a cabo a lectura dun manifesto, no que xubiladas e pensionistas denuncian o "descontrolado e insolidario afán [dos bancos] de xerar beneficios a conta do que sexa".

Peticións dos manifestantes

Os afectados pola dixitalización dos bancos piden rematar coa imposición da relación informática entre usuarios e traballadoras, coa redución de horarios de atención presencial e co peche de oficinas, entre outras.

A CIG critica que todas estas actuacións da banca foron levadas a cabo sen ter en conta a repercusión nos cadros de persoal nin na atención á clientela, e a pesar de seguir a cobrar "comisións abusivas".

Para o sindicato, as entidades bancarias están a desenvolver un "proceso antisocial", especialmente no rural, onde o peche de sucursais "está moi avanzado".

Tamén lamentan que nin a Xunta nin o Goberno español "tomen cartas no asunto para impedir a desatención financeira" nas poboacións onde a xente maior supón un elevado porcentaxe.