Néstor Rego reclama ao Goberno do Estado que actúe ante o proceso de concentración bancaria

O BNG denuncia o fechamento de sucursais na Galiza e defende a regulación do sistema bancario para impedir a destrución de emprego e a redución de oficinas e de servizos para as persoas usuarias como resultado da reestruturación e concentración.
Néstor Rego reclama regular o sistema bancario (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego reclama regular o sistema bancario (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG Néstor Rego defenderá no Congreso estabelecer unha regulación "que impida as graves consecuencias da reestruturación e concentración bancaria". O nacionalista reclamou esta quinta feira, 2 de setembro, que se exixa ás entidades que manteñan os servizos de atención de maneira presencial, que se evite o fechamento de sucursais bancarias na Galiza e que se regule o sector "para pór fin á escalada de abusos bancarios". Recordou ademais "a urxencia en derrogar a reforma laboral que está a facilitar os despedimentos e ERE no sector".

"O rescate bancario de 2008 favoreceu o comezo do proceso de reestruturación e a concentración do sistema bancario, mais non serviu para reforzar a transparencia, a intervención e o control público que evitaría futuras burbullas financeiras", sinalou Rego. Este proceso de privatización e concentración, explicou, está a supor a destrución e precarización do emprego, así como o empeoramento nas condicións de servizo, tanto para particulares como para as pemes.

“Os procesos de fusión que se produciron no Estado reducen a rede bancaria e causan o fechamento de sucursais destruíndo servizos e emprego na Galiza, o que está a afectar de maneira moi negativa o rural”, argumentou. 

Coa pandemia e o estado de alarma, as entidades bancarias incrementaron as súas comisións e obrigaron a cidadanía a empregar os servizos a través da banca virtual, criticou Rego, polo que reclama ao Goberno estatal que estabeleza unha nova regulación do sector bancario que obrigue ás entidades a pór fin aos abusos bancarios polo retallo de servizos, ao pacto de horarios, ao incremento das comisións e aos fechamentos de oficinas e redución de persoal.

No relativo ás persoas traballadoras da banca, tamén lembra o compromiso do Executivo para derrogar a Reforma Laboral “que permite que grandes empresas con beneficios multimillonarios poidan despedir milleiros de traballadoras e traballadores sen reparos”.

Ademais, Néstor Rego propón, recollendo as reclamacións de organizacións sindicais como a CIG, que se permita a xubilación anticipada sen penalización nos procesos que impliquen a redución de persoal, posto que a maioría do sector acumula máis de trinta anos cotizados polas bases máis altas e contribuíndo ao sistema de pensións. No caso de ser preciso, estabelecer acordos de prexubilación para que as traballadoras poidan seguir cotizando na Seguranza Social até poder chegar á xubilación anticipada de maneira que as entidades asuman os custos da reordenación do sector.

“O sistema financeiro é un pilar fundamental para o desenvolvemento social e económico. Debe ser equilibrado, solvente e garantir a prestación de servizos a todos os sectores da sociedade, especialmente aos colectivos máis vulnerábeis e con máis dificultades” reivindicou Rego. O actual modelo que se pretende implantar, para o deputado nacionalista, é “especialmente lesivo para o conxunto da sociedade” porque crea exclusión financeira, suprime servizos ou encaréceos e destrúe emprego.

Futuro de Ence

Noutra orde, o deputado do BNG Luís Bará criticou que a Xunta non poña propostas "enriba da mesa" ante a sentenza que obriga á saída de Ence da ría de Pontevedra e só faga de "portavoz" da empresa. Por iso, dixo, o BNG defenderá no Parlamento galego este 14 de setembro unha moción para que a Xunta lidere a mesa polo futuro de Ence

Tamén instan os Gobernos galego e estatal a coordinaren os proxectos para a recuperación dos terreos que ocupa o complexo da pasteira en Lourizán e para a recuperación ambiental e produtiva da ría, atendendo ao desmantelamento da fábrica, á descontaminación dos terreos e á recuperación ambiental e produtiva da ría.

Comentarios