A pensión media galega é 180 euros ao mes inferior á estatal

Na Galiza hai case 776.000 persoas pensionistas. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
En abril anotouse unha suba de 5,15% respecto ao ano 2023

A pensión media do sistema, que comprende as de xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares, creceu na Galiza 5,15% en abril, en comparación co mesmo mes de 2023, até os 1.072,24 euros, segundo datos publicados onte polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Porén, e malia a este incremento, as pensións galegas mantéñense uns 180 euros por baixo da media estatal, onde esta prestación alcanzou os 1.252,32 euros, subindo 4,96%.

En concreto, na Galiza hai 775.721 pensionistas, crecendo este número 0,68% nos últimos 12 meses. Delas, 487.788 cobran unha pensión de xubilación, cunha media de 1.226,43 euros, a pesar de que a media estatal para este tipo de prestación é de 1.439,11 euros.

Ademais, 73.674 galegos e galegas cobran uns 1.054,30 euros por unha incapacidade permanente e 184.126 perciben, de media, 759,21 euros por viuvez. As persoas con dereito a unha pensión de orfandade sitúanse en 23.269, que ingresan 496,86 euros, e son 6.864 as que perciben unha prestación en favor de familiares, que supón, de media, 654,74 euros.

12.000 millóns en pensións

Na Galiza hai 204.839 persoas pensionistas que reciben o chamado complemento a mínimos, un 33,4% do total de pensionistas, superior ao da media estatal, que é de 27%.
En todo o Estado, a Seguridade Social destinou en abril a cifra récord de 12.710,8 millóns de euros ao pago da nómina ordinaria mensual das pensións contributivas, 6,2% máis que no mesmo mes do ano pasado, segundo cifras do Ministerio.

A nómina mensual ordinaria das pensións superou por primeira vez en xullo de 2023 os 12.000 millóns de euros e este mes volve anotar unha nova marca após a subida das pensións contributivas nun 3,8% para este ano 2024.