Encontran grandes cantidades de pequenas bólas de plástico en varias praias de Porto do Son

As bólas de plástico atopadas en Porto do Son (Foto: Noia Limpa).
Pode tratarse dunha perda por parte dalgún barco que os transportaba, apuntan as persoas que atoparon as bólas.

O colectivo Noia Limpa denunciou a aparición de grandes cantidades de pequenas bólas de plástico brancas en varias praias da zona de Porto do Son (comarca de Noia).

Segundo explicaron a través das súas redes sociais, as bólas fóronse atopando en diversas praias, concretamente na de Furnas, Louro e Espiñeirido.

Difíciles de limpar

Alertan, ademais, de que, debido á súa lixeireza, desprázanse con moita facilidade, o que dificulta o labor de limpeza, que esta mesma terza feira levaron a cabo algúns membros da organización.

Así mesmo, apuntan que pode tratarse dunha perda por parte dalgún barco que os transportaba, xa que se atoparon sacos co nome da empresa Bedeko Europe.