Pellets de plástico provocaron o peor desastre ecolóxico da historia de Sri Lanka

Integrantes da Marina de Sri Lanka limpando pellets de plástico dunha praia en 2021. (Foto: DM)

Máis de 20.000 familias que dependían do mar tiveron que deixar de pescar

20 de maio de 2021. O buque portacontedores X-Press Pearl de Singapur incéndianse na costa de Colombo, en Sri Lanka. Despois de arder durante un total de 12 días, o navío afunde o 2 de xuño mentres estaba a ser remolcado a augas máis profundas.

Aquí comezou o que é considerado pola Organización das Nacións Unidas como o peor desastre ecolóxico mariño na historia de Sri Lanka. Non só pola complexidade da gama de contaminantes implicados no incidente (petróleo, produtos químicos perigosos e plásticos) ou pola falta de claridade sobre a natureza e o estado dunha parte substancial da carga do buque. Senón especialmente por representar o maior vertido de plástico rexistrado até o momento.

E é que o X-Press Pearl transportaba (ademais de 81 contedores que foron considerados como perigosamente tóxicos e daniños) unha importante carga de pellets de plástico, como os que apareceron nas costas galegas durante o último mes a consecuencia da perda de parte da carga do buque Toconao á altura de Viana do Castelo.

O 'X-Press Pearl' ardendo o 26 de maio de 2021 ante as costas de Sri Lanka. (Foto: Autoridade Portuaria de Sri Lanka)

Segundo informou en 2021 a Autoridade de Protección Ambiental Marítima de Sri Lanka (MEPA), o barco transportaba tres contedores de gránulos de resina plástica, cada un cun peso de 26.000 kg. Isto é, un total de 78.000 kg de pellets de plástico. Unha cifra que Nacións Unidas elevou daquela a 1.680 toneladas métricas.

Que son os pellets ou nurdles?

Os pellets de plástico, coñecidos en inglés como nurdles, termo coloquial para facer referencia a pequenas bólas de plástico utilizadas na pre-produción de plástico, forman parte da materia prima utilizada para fabricar moitos dos plásticos que utilizamos no noso día a día.

Están compostos de diferentes tipos de plásticos (polietileno, polipropileno, poliestireno, cloruro de polivinilo ou outros) e cando son vertidos flotarán ou afundiranse (unha propiedade que está a ser utilizada polo voluntariado galego para retiralos dos areais).

Con frecuencia, son confundidos por comida por peixes e aves e mamíferos mariños. Ademais, na natureza, ao fragmentarse, transfórmanse en contaminantes aínda máis perigosos. En cantidade, son a segunda fonte de microcontaminantes dos océanos, despois do po dos pneumáticos.

Unha escandalosa cifra de 230.000 toneladas de pellets de plástico acaban nos océanos cada ano.

Ademais de supor un perigo para animais que os confunden na súa alimentación, os pellets, como o chapapote, con contaminantes altamente persistentes, circulando nas augas mariñas durante décadas. Funcionan tamén como “esponxas” atraendo e concentrando na súa superficie toxinas e outros contaminantes, así como bacterias tales como Escherichia coli ou incluso cólera.

Hai solución?

As autoridades de Sri Lanka desenvolveron unha campaña de limpeza “encomiábel” do vertido de plástico centrándose, non obstante, en cuestións como determinar a perigosidade ou non dos pellets, así como en perfeccionar técnicas de limpeza que minimizaran a extracción de area, buscando minimizar danos ambientais inadvertidos provocados pola limpeza dos microplásticos.

Na xestión da catástrofe de Sir Lanka, que tivo un importante impacto na economía e nas comunidades da súa costa (máis de 20.000 familias que dependían do mar tiveron que deixar de pescar), as Nacións Unidas recomendaron dirixir a estratexia de xestión cara a responder preguntas con implicacións socioeconómicas significativas: é seguro comer o peixe e o marisco da zona afectada? Está relacionada a vertedura co incremento de mortes de tartarugas e mamíferos mariños?