Millóns de pellets de plástico inundan as costas galegas mentres a Xunta pide “calma”

Vertedura de pellets de plástico na praia de Reira en Camariñas (Terra de Soneira). (Foto: Noia Limpa)

“Eu non o sabía”, afirmou este domingo o conselleiro do Mar, a respecto da vertedura de pellets

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pediu "calma" ante a vertedura de pequenas bólas de plástico que chegan á costa galega procedentes dun barco que navegaba fronte a Portugal e reclamou ao Goberno estatal “máis información”. Así se manifestou este domingo en declaracións aos medios xunto á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, antes de presidir a comisión técnica de seguimento da situación dos areais galegos.

Antes desta reunión, Villares lamentou que teñan que valorar datos que non teñen, xa que, tal e como volveu a denunciar, o Goberno español “non llos trasladou”. Reiterou que a única comunicación recibida pola Xunta da Galiza produciuse os días 3 e 4 de xaneiro, a través duns correos electrónicos nos que se informaba de que un barco en augas Portugal perdera "uns contedores".

Recalca así Villares algo que Nós Diario confirmou é unha falacia, pois o propio Concello de Ribeira, a primeira localidade da Galiza en detectar a chegada destes residuos aos seus areais, comunicou ao Executivo galego a situación o 14 de decembro, existindo ademais rexistros dunha chamada ao 112 o 13 de decembro dando conta do mesmo problema.

Porén, o conselleiro do Mar insistiu en demandar ao Executivo español que se teñen información "mínimo desde o 20 de decembro" lla faga chega á Administración galega, tamén para "tranquilizar a sociedade". "Se é un contedor, creo que a xente tamén dimensiona o problema; e se é un contedor, igual nin todos os sacos de pellets están esparexidos", expuxo. Así mesmo, Villares valorou que este mesmo domingo a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, púxose en contacto co presidente da Xunta da Galiza para ofrecer medios do Estado español. "As axudas que veñan do Goberno estatal, benvidas son, pero o que nos ten que dar é información do que pasou, iso é o que demandamos", aseverou.

Sobre a zona afectada, Villares indicou que "parece ser" que chegou tamén ás costas de Asturias e Cantabria, polo que considera que "é xa un problema estatal" que vai máis aló da Galiza. A asociación Noia Limpa xa confirmou a presenza destes residuos no litoral galego que vai desde a ría de Vigo até a comarca da Mariña.

Composición material

En canto á composición do material, Villares afirmou que "en principio son bólas plásticas" que analizarán e cuxa composición a Xunta espera confirmar a principios de semana.

Con todo, o conselleiro insistiu no feito de que a Xunta carece de información, deixando sobre o Goberno español toda responsabilidade. "Non somos coñecedores do número de contedores nin de sacos. Só temos os correos que nos transmiten o 3 e o 4 de xaneiro, aí fálase de seis contedores e un deles ten eses pellets. Pero se esa é unha información que se estaba comunicando o Goberno estatal coa xente do barco, non sei por que non nos transmitiu esa comunicación entre uns e outros", argumentou.

Mentres, o Goberno español aseguraba este sábado que trasladou á Xunta esta información o pasado 20 de decembro, algo que o conselleiro do Mar, a preguntas dos medios, volveu negar: "Alguén sabía que un barco en Portugal perdera a carga, que Portugal falou con España, con Salvamento? Eu non o sabía. Sabémolo eses días 3 e 4. Se ese problema se sabe, por que non se fixo público? Por que se ocultou esa información? Unha información que Portugal lle transmite a España, á Galiza", lembrou.

Voluntariado

Cuestionado sobre o voluntariado que se organiza estes días ante a inacción do Executivo galego para conter o efecto das verteduras nas praias galegas, Villares agradeceu o seu labor, pero pediu "andar con coidado" e "un pouco de orde".

Nesta liña, apuntou que se podería esperar a que "cando suba a marea limpar na zona intermareal", pero ao ser material plástico pediu precaución, xa que tamén pode enterrarse no areal.

En todo caso, á espera de "máis datos", Villares quixo quitar ferro ao asunto e sostivo que se trata de plásticos. "Cantos plásticos temos nas nosas costas...", lamentou antes de volver pedir "un pouco de calma". "Se é un contedor, o volume é o que é, non é un barco. Pero iso é unha información que o Goberno español nos ten que dar", reprochou. Ademais, Villares confirmou que xa se puxeron en contacto coa aseguradora do buque, á que esixirán os gastos de Concellos e outras Administracións.