Crise dos pellets

Os pellets alén da toxicidade: o impacto permanente

Pellets de plástico na praia coruñesa de Sabón. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A chegada de millóns de granulados ás costas galegas supón un impacto que ninguén nega, se ben o debate céntrase na intensidade do mesmo, nomeadamente na toxicidade ou non dos pellets. Persoas expertas e científicas lembran que o feito de que poidan non ser tóxicos non quer dicir que non poidan ser perigosos: "Non é algo inocuo".

A Xunta da Galiza afirmou esta segunda feira a través da vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que os pellets non son "tóxicos nin perigosos". Horas despois, a Fiscalía de Medio Ambiente anunciaba a apertura de dilixencias por apreciar "indicios de toxicidade" na vertedura de millóns de bólas de plástico que se estenden desde a ría de Vigo á de Ribadeo. O Goberno galego afánase a pouco máis dun mes das eleccións por intentar minimizar as consecuencias sociais e políticas da marea de plástico.

Os pellets "non son tóxicos", reitera estes días a vicepresidenta Vázquez. Como apoio a este argumento o Executivo galego apunta ás conclusións de dous informes preliminares que encargou. Un, elaborado por un doutor en Tecnoloxía de polímeros, non analizou as bólas de plástico. Outro, elaborado por un centro privado de Culleredo, recomenda evitar "o contacto coa pel, os ollos e a roupa cando se proceda á limpeza destas  verteduras".

Ricardo Beiras, profesor de Ecoloxía e Bioloxía Mariña da Universidade de Vigo e membro de Ecotox, equipo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña da Uvigo, é un nome de referencia a nivel internacional no estudo do impacto dos microplásticos. Sobre os pellets que chegan ás costas estes días, apunta en conversa con Nós Diario que son uns elementos que "no ambiente permanecen indefinidamente".

Explica que nestes casos o estudo da toxicidade céntrase nos aditivos que poida levar o produto e que, no caso dos que afectan a Galiza, conteñen unha toxicidade baixa, mais non é inocua". Engade, ademais, que os pellets "son como esponxas que acumulan hidrocarburos e entón si que adquiren toxicidade e teñen maior impacto no medio".

Diferentes impactos

"Unha cousa é a toxicidade nos seres humanos e outra os efectos nos organismos mariños, hai substancias que son inocuas para nós mais non para eles", indica este biólogo. 

Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñaría Química na Universidade da Coruña e cunha ampla traxectoria no movemento ecoloxista galego, afirma a este medio que o da toxicidade "é un tema elástico, por dicilo así", no que o abano de opinións é amplo. Soto entende que non estamos ante un problema de "toxicidade aguda" mais si de "toxicidade crónica e ecotoxicidade, que altera o propio sistema ambiental".

O equipo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña fala tamén de "toxicidade crónica" ao se referir a un dos aditivos destas bólas de plástico".

Soledad Muniategui é a directora do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, onde, apunta a Nós Diario, empezaron esta segunda feira a analizar a composición dos pellets chegados a Galiza. Lembra que este organismo leva máis de 10 anos traballando no estudo da presenza de plásticos nas nosas costas e, a respecto do actual episodio, limítase a indicar que antes que nada hai que saber ante "que tipo de polímero estamos", así como coñecer todo o referente aos "aditivos pode levar" e as súas consecuencias. 

Riscos

Na comunidade científica hai voces que inciden nas consecuencias que pode ter esta marea de plástico. Unha delas é a da investigadora mariña Carmen Morales, que estes días afirmou que “unha vez inxeridos, os pellets poden producir danos físicos, como o xerado ao alterar a inxestión de alimento ou por abrasión e tamén a outros niveis, como alteracións endócrinas e impactos derivados de substancias tóxicas asociadas“.

En conversa con Nós Diario  Rodolfo Barreiro, doutor en Bioloxía e catedrático de Ecoloxía na UDC —onde imparte entre outras a materia de Ecotoxicoloxía— considera que os pellets non representan "un problema tóxico", o que non quer dicir que non sexan "un problema". Sinala que o importante agora é centrase na recollida das bólas para "que non fiquen aí" [nas praias e areais] e evitar así que se degraden e acaben convertidas en microplásticos, o que si xa representaría un maior "risco". 

Á retirada canto antes sexa posíbel destes microplásticos chaman todos os consultados. "Vai haber fauna que poida inxerir estes microplásticos", indica Beiras, "iso é evidente", mais pide non caer no alarmismo. Ecotox, anuncia, está actualmente realizando probas de toxicidade destes pellets con modelos representativos do fitoplancto e zooplancto .

"Non é perigoso comer peixe nin produtos do noso mar", afirma, ao tempo que lamenta que se asocie a idea de microplásticos co medio mariño cando estes son elementos "presentes no noso día a día a todas horas".

Xosé Benito Quintana, do departamento de Química Aplicada da Universidade de Compostela, sinala a este medio que o polietileno (matriz dos pellets) en si non representa un problema. "Mais nunha zona onde se acumulen moitos microplásticos é un problema ambiental". Apunta tamén a que non é un elemento biodegradábel, polo que de non se retirar, permanecerá no medio, e poderá ir descompoñéndose cada vez en plásticos máis pequenos.

Manuel Soto incide nesta mesma liña. "Non é un elemento biodegradábel, claro está, e se non se retira e continúa no medio vaise ir desintegrando, para alén de que [tal e como advirte Ricardo Beiras] poida ir acumulando diferentes contaminantes".

"Ocultación"

Para o catedrático da UDC é preocupante que nestes días houbese unha "ocultación" por parte de diferentes Administracións da chegada á costa galega dos pellets, un produto que expertos e científicos coinciden en advertir que "non é inocuo". "A xestión que a Xunta fai de todo isto non é defendíbel", afirma, e engade que "apunta a un certo paralelismo" co sucedido co Prestige en canto á xestión do problema.