venres 30/10/20

Beatriz S. Saá, artista: "O peor do alzhéimer é que a persoa enferma estea presente e se ausente cada vez máis"

A artista Beatriz Suárez Saá diante dunhas das súas obras na exposición 'Rostros de ausencia' (Nós Diario).
A artista Beatriz Suárez Saá diante dunhas das súas obras na exposición 'Rostros de ausencia' (Nós Diario).

A enfermidade do alzhéimer e as persoas que a padecen, como enfermas ou coidadoras, son as protagonistas da  exposición 'Rostros de ausencia' que se pode ver na igrexa da Universidade de Santiago até o 27 de outubro. A súa autora, Beatriz S. Saá, viviu esa experiencia na familia e está a realizar unha investigación sobre esta temática no programa de doutoramento na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid. Conversamos con ela con motivo do Día Mundial do Alzhéimer, que se conmemora a próxima seguda feira, día 21.  

Cal é a súa relación co alzhéimer?

A miña investigación para a tese de doutoramento trata da relación entre arte e alzhéimer. Mais a miña vinculación directa foi porque a miña avoa materna sufriu esta enfermidade. Comecei a reflexionar un pouco con ela sobre os procesos nos que a ausencia se vai instalando na persoa nese proceso de perda e como ese mesmo proceso de perda tamén se reflicte na xente que ten ao seu arredor.

Están as dúas vertentes: a parte máis emocional, persoal, que deu orixe ao proxecto e  despois esa vinculación co campo da investigación.

Como realizou esa investigación?

Foi unha experiencia con catro enfermos. Primeiro coa miña avoa  e despois con tres persoas que seleccionei con aspectos en común como un grao avanzado da enfermidade e cos que traballei en base a entrevistas que se alongaron no tempo. Ademais falei cos seus familiares. Foron entrevistas nas que empreguei elementos que se poden catalogar de arteterapéuticos como o debuxo, a pintura ou a música. Tamén utilicei as súas fotografías persoais e cancións que eran importantes na súa vida posto que dous eran músicos.

Que é o peor do alzhéimer?

Polo que experimentei, e polo que me dixeron as coidadoras e coidadores, o peor é que a persoa enferma estea presente e dalgunha forma se ausente cada vez máis en vida. Cando un falece, a ausencia é completa mais co alzhéimer, continúa de maneira física e vaise perdendo durante moitos anos.       

Que quere transmitir con esta exposición?

Principalmente eses estados nos que a persoa enferma de alzhéimer está inmersa, mais tamén as que os coidan. Para min son igual de importantes. A persoa que visite a mostra estará na pel dese enfermo con eses estados fugaces que ao inicio se dan nas lagoas, os despistes que co paso do tempo serán máis insoportábeis. Xogo moito cos escintileos que aparecen e desaparecen, os reflexos que involucran directamente o espectador.

Traballo moito co texto e explico a perda de linguaxe que padecen. Cando non son capaces de construír os conceptos mentais que dan lugar a esas ausencias. As palabras engloban unha especie de armazón, de rede que empregamos para expresarnos. Cando un non pode ter acceso a esa rede, esas cousas pérdense. Tento reforzar a idea de perda, de ausencia que se vai facendo moi presente sobre todo nas últimas pezas da exposición.

A arte ten que tratar a realidade como é a dunha enfermidade e fuxir do escapismo?

Creo que ten que resaltar estes aspectos que teñen unha forte carga simbólica.  Interesoume que se percibise esa sensación de ausencia, dignificar, poñer cara e rostro á enfermidade. Hai unha tendencia a fuxir de mostrar esa realidade por non ser unha imaxe idílica ideal. Téntase tapar. Eu fixen todo o contrario para que a xente tome conciencia de que é, xunto co cancro, a enfermidade deste século. Considero que a arte ten que mostrar e ser tamén un campo de reflexión.

Creadora e xestora cultural cunha galería. Lévase ben?

Son mundos diferentes, case opostos, mais ambos os dous teñen que coexistir. Crear implica estar nun universo propio, íntimo. A xestión cultural é todo o contrario, aberto. A miña experiencia coa galería foi das mellores cousas que me pasaron. Unha galería non deixa de ser un negocio e obter un beneficio.

Beatriz S. Saá, artista: "O peor do alzhéimer é que a persoa enferma estea presente e...
comentarios