Pediatras piden a "retirada progresiva" da máscara nas aulas

A Sociedade Española de Pediatría pide retirar a máscara nas aulas desde o 28 de febreiro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
A Asociación Española de Pediatría, aliás, salienta os "claros beneficios" da ensinanza presencial.

A Asociación Española de Pediatría (AEP), a través do seu grupo de traballo de Reapertura da Escolarización, vén de propor un calendario para a "retirada progresiva" das máscaras nos recintos escolares.

Nun documento que foi remitido esta mesma semana ás institucións sanitarias e educativas, os pediatras expoñen a retirada "inmediata" da obrigatoriedade do uso das máscaras en exteriores para todo o alumnado e a retirada "progresiva" da obrigatoriedade en interiores, cun reforzo dos protocolos de ventilación.

Retirada progresiva

En primeiro e segundo de Primaria, esta retirada produciríase a partir da segunda feira 28 de febreiro; en terceiro e cuarto de Primaria, a partir da segunda feira 14 de marzo; en quinto e sexto de Primaria a partir do 28 de marzo; en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), a partir do 25 de abril, e en Bacharelato, a partir do 9 de maio.

A AEP salienta a importancia de continuar fomentando a vacinación contra a Covid-19, sobre todo entre a rapazada menor de 12 anos, e móstrase partidaria de restrinxir a obrigatoriedade de corentena a 7 días unicamente a aqueles nenos e nenas confirmadas como positivas, eliminando o resto das recomendacións actuais.

"O menor impacto clínico da variante Ómicron da Covid-19 e a elevada cobertura vacinal da poboación española permitiron mudar o paradigma do manexo da situación pandémica no Estado", sosteñen.

Actualmente, din, cómpre "centrar os esforzos en previr os casos con maior impacto clínico e focalizar as enerxías en protexer a poboación máis vulnerábel a través da vixilancia epidemiolóxica por parte dunha serie de centros sentinelas repartidos polo territorio que monitoren a situación para detectar gromos e mudanzas nas tendencias epidemiolóxicas e no comportamento do virus ou das súas eventuais novas variantes", lembran os expertos do grupo de traballo de Reapertura da Escolarización da AEP.

Os "beneficios" da educación presencial

Aliás, o coordinador deste grupo, Quique Bassat, avogou esta terza feira por retomar a presencialidade total nas aulas, cuxos beneficios "son claros e importantísimos para a aprendizaxe, mais especialmente para a integración psicosocial e adaptativa dos menores, e é fundamental para devolver á rapazada unha experiencia educativa normalizada e sen disrupcións".