Peche no Hospital de Ourense a prol do paridoiro de Verín

Peche simbólico no CHUOU (MMM).
A Marcha Mundial das Mulleres (MMM) concéntrase no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU) en protesta polo acontecido durante o último parto acontecido en Verín.

Ao redor de medio cento de persoas concentráronse esta segunda feira no interior do Hospital de Ourense en protesta polas condicións do último parto atendido en Verín durante a madrugada do 12 de  decembro.

Á acción, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, sumouse a asociación local de lactancia Arrolos de teta. Pasados uns minutos desde o inicio da mobilización, as convocantes decidiron trasladarse desde o exterior e ocupar parte da entrada principal do centro hospitalario nun peche simbólico contra todas as formas de violencia sobre os seus corpos e as súas crianzas.

'Verín non se pecha'

Baixo o lema ‘Verín non se pecha. Recortar os dereitos das nais é violencia’ o colectivo volveu reclamar a reapertura da sala de partos de Verín máis do servizo de urxencias pediátricas; pendentes, ambos, de que se cubran as dúas prazas de pediatra das que dependen, segundo o último anuncio do presidente Alberto Núñez Feixoo.

"Xuntámonos durante unha hora para dar apoio a Manuel e a súa nai, que tardou tres horas en velo após o seu nacemento; e ás matronas de Verín, citadas a unha xuntanza pola dirección do hospital", explica a Sermos Galiza Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres.

Ao berro de 'Xunta culpábel, xerencia cómplice', as persoas concentradas pedíronlle aos responsábeis sanitarios e do Goberno galego que dean marcha atrás e anulen a súa decisión. Segundo recoñecen, a xerencia do hospital mandou desaloxar a entrada do edificio. Con ese obxectivo deu aviso á Policía Nacional, que, finalmente, non compareceu durante o peche simbólico no que participaron mulleres e crianzas.