Enrique Pérez, EX XERENTE DO HOSPITAL DE VERÍN

"Hai anos que intentan pechar o paridoiro"

Mobilización da veciñanza de Verín contra o peche do paridoiro (Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Comarca de Monterrei).

O ex xerente do hospital de Verín, Enrique Pérez, súmase ás mobilizacións da cidadanía e das profesionais sanitarias para defender a continuidade dos servizos de partos e urxencias pediátricas comarcais. Entre 2007 e 2009 estivo á fronte da dirección do centro, un período no que recoñece "xa existía o empeño de pechar o paridoiro". Na súa opinión, a supresión da unidade responde a "directrices políticas" que nada teñen que ver coa falta de seguridade ou de pericia médica.

A idea non é nova. O peche do servizo de partos do Hospital Comarcal de Verín mais de pediatría de urxencias é un "obxectivo" que persegue desde hai máis dunha década o actual xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, José Luís Doval.

Quen tal afirma é Enrique Pérez, ex xerente do hospital de Verín durante dous anos, entre 2007 e 2009, durante o Goberno Bipartito. Segundo explica a Nós Diario, "todos os informes técnicos que avalan o pechamento do paridoiro están dirixidos e orientados a ese fin interesado".

Baixo a súa dirección, o hospital de Verín deixou de ser Fundación Pública para integrarse na rede hospitalaria do Sergas. Foi en 2009, 15 anos despois de que botara andar unha experiencia pioneira na Galiza, en 1994.

Daquela, Alberto Núñez Feixoo estaba á fronte do Sergas con José Manuel Romay Beccaría como responsable de Sanidade do Goberno da Xunta. "O experimento de manter un hospital baixo a fórmula de Fundación Pública resultou un fracaso. Demostrouse pouco operativa, cunha débeda acumulada de cinco millóns de euros que acabou asumindo a Consellaría", afirma Enrique Pérez.

Carencia de pediatras

Na mesma situación que o centro de Verín estaban outros hospitais comarcais como o da Barbanza e Cee. En 2009, co obxectivo de mellorar as súas condicións, a Xunta resolve integrar no Sergas a rede de Fundacións Públicas, "conservando cada centro a súa propia xerencia e extremando a colaboración que xa mantiñamos co Sergas", asegura o ex xerente hospitalario.

"Asumimos a súa dinámica asistencial, o intercambio de servizos volveuse máis intenso", sinala Pérez, "e desde Verín fomentamos programas especiais, incentivados, para o intercambio de profesionais que nos permitiran suplir a carencia de facultativos que tiñamos, por exemplo, nas unidades de oncoloxía, de oftalmoloxía ou de pediatría".

En 2008 Verín tiña 160 partos ao ano, e xa daquela quixeron acabar con el desde Ourense. Daquela loitamos por seguir cunha boa planificación, reivindicando o servizo público da unidade, a equidade por riba da rendibilidade.

Segundo defende, sempre existiron alternativas para combater a falta de especialistas nas diferentes áreas. "Hóuboas e hainas", incide. Enrique Pérez nega que o peche actual do paridoiro de Verín teña nada que ver coa falta de pericia profesional das facultativas nin cunha falta de seguridade ou calidade asistencial. "Débese, en todo caso, á unha carencia de pediatras que se pode suplir. Porque os hai, pero hai que facer que veñan" e hai que conseguir, di, que vaian e atendan á veciñanza da periferia do mesmo xeito que o fan nas cidades máis grandes.

Como xerente do hospital de Verín, Enrique Pérez conseguiu deixar sen efecto un primeiro intento por pechar o paridoiro comarcal. "En 2008 tiñamos sobre 160 partos ao ano, e xa daquela quixeron acabar con el desde Ourense. É un empeño que se mantivo durante estes anos, e que responde a unhas ansias de centralización e control que daquela logramos repeler cunha boa planificación, reivindicando o servizo público da unidade, a equidade por riba da rendibilidade", lembra.

Neste sentido, di, "a calidade e a seguridade estaban por riba de todo. Daquela xa se derivaban os casos máis graves, e hoxe, danse as mesmas condicións" para non comprometer a saúde de ninguén en ningún suposto. "É cuestión de vontade política e non de números. Porque cantos partos hai nas maternidades privadas, que garantías ofrecen", cuestiona Enrique Pérez.

O ex xerente do hospital de Verín conclúe que hai fórmulas suficientes para reverter o peche do paridoiro. "Se quedamos sen servizos hospitalarios fóra das cidades, Galiza será un deserto".

A vía xudicial contra o peche do paridoiro

Ás mobilizacións da cidadanía, ao peche das profesionais do hospital e ás demandas de quen, coma Enrique Pérez, atendeu as esixencias dun hospital comarcal; ábrense estes días outras vías de denuncia.

O Concello de Verín recoñeceu en declaracións a Sermos Galiza que valoran levar á Fiscalía a supresión dos Servizos de Parto e Pediatría de Urxencias do hospital de Verín. Polo momento, analizan a documentación xerada trala Orde de pechamento do 29 de novembro do 2019 do Xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, mais confían en resolver canto antes a posibilidade de interpoñer unha denuncia contra o que consideran “un atentado contra os dereitos das mulleres a decidir onde parir”.

De saír adiante sumaríase ao proceso iniciado pola CIG, que presentou un recurso contencioso-administrativo contra a desaparición destas unidades, ademais de pedir a suspensión cautelar da orde de peche do paridoiro.

De se aceptar a súa impugnación, explica o sindicato, a Orde de pechamento ficaría suspendida, o que implica que o paridoiro “continuaría aberto, polo menos, até que o xulgado se pronunciara sobre o recurso contencioso interposto”.

De non se admitir, advirte, “a Orde se pechamento seguiría vixente, á espera de que o Xulgado se pronunciase sobre a legalidade da súa supresión”.