UNIVERSIDADE

Peche na facultade de Historia contra a suba das taxas e por un espazo de estudo as 24h

Imaxe: Liga Estudantil Galega
O estudantado retoma as accións para frear a aplicación do Real Decreto-lei 14/2012 na Galiza cun encerro indefinido no edificio, en Compostela. Mentres, a campaña da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público con peches nos IES chega a Burela

Cando datas 'simbólicas' como a folga xeral do 10 de Maio e o Día das Letras ficaron atrás, o estudantado da USC retomou as accións directas en contra dos recortes que se están a practicar no ensino público tanto desde a Xunta como desde o Goberno español cun peche na Facultade de Historia que foi acordado nunha asemblea aberta da que fixeron parte ao redor de 50 persoas.

Segundo explicaron as estudantes, a protesta foi organizada entre @s que se fecharon na Biblioteca Xeral, en Fonseca, e a el@s uníronse @s alumnas de Ciencias da Educación que estaban tamén encerrad@s contra os recortes. Exercer presión contra a suba das taxas e exixir máis unha vez que a Universidade compostelá habilite un espazo de estudo aberto 24 horas son os dous obxectivos centrais do encerro, que será indefinido e "non terá siglas" de ningunha organización estudantil. 

Mentres, o encerro na biblioteca intercentros do campus de Lugo continua, e a campaña de accións nos IES da Galiza emprendida pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chegou esta sexta ao Monte Castelo, en Burela. A cadea de peches rotatorios rematará o vindeiro 1 de xuño, e dous días despois nais, pais, estudantes, docentes e a cidadanía en xeral están chamad@s a mobilizarse nunha manifestación nacional a prol da Educación pública, á que tamén se unirá a plataforma en defensa da Sanidade pública.