Peche estudantil tamén en Vigo contra os recortes educativos e a prol da Folga Xeral do 14N

Faixa despregada polo estudantado encerrado
Comités, Liga Estudantil Galega e Asemblea Universitaria Galega inciaron un peche na Escola de Peritos da Universidade de Vigo co que pretenden reclamar un ensino de calidade e chamar ao estudantado a secundar a Folga Xeral do próximo catorce de novembro.

 

A primeira hora da noite desta cuarta feira encetaba un peche estudantil na escola de Peritos de Vigo. A acción, impulsada polas organizacións estudantís Comités, Liga Estudantil Galega e Asemblea Universitaria Galega, ten por obxectivo “reclamar un ensino de calidade, cada vez máis atacado polas medidas do goberno central e da Xunta de Galicia, e chamar ao estudantado a secundar a folga xeral”.

Denuncian que desde a implantación do Plano Boloña “o estudantado xa non ten garantido un ensino público e de calidade”, situación que prevén se agravará coa aplicación da Estratexia Universitaria 2015. “Coa EU2015 non se garante o acceso á universidade ás clases populares, converténdoa nunha institución para as elites, e ademais, incorporase nos maiores órganos de decisión a empresas e poderes económicos en detrimento do estudantado como suxeito activo, dando un paso máis cara á mercantilización e privatización da universidade” sinalan.

Alías, o estudantado expresa o seu rexeitamento a que a Reitoría da Universidade de Vigo aplique o decreto de gasto educativo. “Esa medida suporía o despedimento de preto de 300 profesoras e profesores asociados”. Por derradeiro fan un chamado explícito a secundar a folga xeral do 14N.