Encerro na UdC contra os recortes e un modelo de ensino ''que reproduce o sistema''

O colectivo estudantil UdC en Loita vén de organizar máis unha xornada de reflexión e debate para visibilizar o rexeitamento ás políticas emprendidas polo PP en contra da educación pública e gratuíta. Procuran espertar no estudantado "unha conciencia crítica"

 

O estudantado da Universidade da Coruña realiza desde esta cuarta e até a quinta feira un peche reivindicativo contra a política de recortes no ensino público. A acción está impulsada pola Assembleia UDC em Luita da que fan parte as organizacións estudantís Comités e Liga Estudantil Galega, e canda elas o Sindicato de Estudantes, a Acampada Etsac e máis IESGA.

Ana Barxa, dos Comités, subliña que o encerro "vén seguindo a liña iniciada o curso pasado" con peches nas facultades de Socioloxía ou de Educación "e pretende facer visíbel o noso rexeitamento ás agresións reiteradas ao ensino público" por parte do PP tanto desde o Goberno da Galiza como desde o español."O rol que está a facer a universidade en particular e a educación en xeral é reproducir o sistema e xerar man de obra precaria", apunta Anxo Sánchez, da Liga estudantil galega. O estudantado declara ter un obxectivo engadido:"contrarrestar a falta de conciencia crítica" que se alimenta nunhas aulas onde a educación está concebida como "capacidade memorística" e "vómito de datos sen análise ningunha".

As organizacións estudantís convocantes participarán asemade nun debate fixado para as 19h desta cuarta feira en que o interrogante é: cal é o papel da Universidade pública na crise? Barxa e Sánchez deixan claro que falan en nome das súas respectivas organizacións, non do colectivo UdC en Loita --do cal fan parte tamén outras organizacións. Con todo, confían en que o estudantado que se sume a esta xornada "estará de acordo en que os recortes van no camiño de facer unha universidade mercantilista e elitista".

Encerrad@s mais non qued@s

Falan moito de educación, de democracia, de progreso, de liberdade. Mais nada diso pasa na aula. Ensínannos a ficar afastados uns dos outros, e a competir por cousas que non teñen valor. Estas palabras aparecen nos últimos minutos do documental 'A educación prohibida', en que se cuestiona o modelo educativo acomodado nas escolas e que se proxectará na xornada de peche organizada na Universidade da Coruña, facultade de Económicas, en contra dos recortes no ensino público. É unha das tantas actividades que se desenvolverán no marco do peche.

Ás 22.30h dará comezo a súa proxección seguida de aulas populares. Na mañá da quinta, ao se ergueren, almorzarán cunha cafetada popular e para as 11.30h está marcada unha concentración na rotonda do campus de Elviña co rexeitamento aos recortes como protagonista. Tanto Comités como Liga estudantil manifestaron xa o seu apoio á folga xeral, polo que esta xornada de loita servirá tamén para quecer motores de cara ao paro do 14-N.

Programa de actividades

Cuarta feira 7:

12.00h Recollida de sinaturas pola dimisión de Wert en Ciencias da Educación

17.00h Trae pinturas e fai o teu cartaz. Entrada da facultade de Económicas

19.00h Debate: 'Cal é o papel da Universidade Pública na crise?'

20.30h Asemblea

21.30h Cea Popular

22.30h Proxección do documental 'La educación prohibida' e aulas populares: Compartimos o coñecemento 

Quinta feira 8:

08.00h Cafetada Popular

11.30h Concentración na rotonda de Elviña. Contra os recortes en educación