A pé, en bici e a cabalo contra unha central que ameaza a serra do Xistral

Varias persoas a cabalo tras finalizar a manifestación sobre a futura balsa da central hidroeléctrica. (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
As manifestante percorreron case 10 quilómetros seguindo o rastro das instalación proxectadas por Atalaya Generación entre as parroquias de Vilacampa e Recaré, no Valadouro.

A Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral manifestouse este domingo en contra do anteproxecto presentado pola empresa aragonesa Atalaya Generación, cun itinerario "simbólico" de 9,5 quilómetros.

Perto de 250 persoas percorreron a pé, en bicicleta e a distancia pola que pasarían os tubos que conectarían os encoros previstos nas parroquias de Vilacampa e Recaré, que coa posta en marcha da o central quedarían parcialmente alagadas.

Andrés Vidal, membro da plataforma, amosou o rexeitamento frontal do colectivo ao proxecto. "Estamos totalmente en contra da central" tanto polo impacto socioeconómico que tería na zona como polo impacto natural.

Destacou, ademais, que mentres a empresa anunciou que se van a crear 10 postos de traballo para xente cualificada "vanse a destruír moitos máis". "Aquí a xente dedícase ao forestal e á gandaría", explicou Vidal, que se verían afectados pola central.

Dúas parroquias semianegadas

Desde a plataforma afirman que destruiría varias gandarías e que as balsas estarían localizadas en zonas protexidas agropecuarias, de cultivo e forestais.

"Van anegar dúas metades de dúas parroquias. Canto custa iso? Como se cuantifica iso? Canto vale a metade dunha parroquia?", cuestionou Vidal ante a falta de precisión por parte da empresa para xustificar o "impacto socioeconómico positivo" do que fala.

Danos medioambientais

A posta en marcha da central salienta a plataforma veciñal, contempla instalar a balsa superior e parte do trazado na Serra do Xistral, foi declarada Zona de Especial Conservación na Rede Natura 2020 e forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

A isto hai que sumar que Augas de Galicia tombou o anteproxecto por dous motivos: é incompatíbel co Plan Hidrolóxico da Xunta 2021-2027 e interrompería a canle dos ríos de Vilacampa, Recaredo e das Balsadas.

Rexeitamento

Andrés Vidal asegurou que Atalaya Generación dixo que "non levarían a cabo a obra se a cidadanía estaba en contra, e está claro que a cidadanía non a quere". De feito, a plataforma levou ao Ministerio de Transición Ecolóxica 4.500 sinaturas e 160 alegacións, mais as particulares, e o apoio de 16 asociacións.

"Nós imos estar co coitelo entre os dentes até que ou a empresa diga que non ou o Estado lle denegue o proxecto", resolveu Vidal.