Paxaros mortos convertidos en drons? Un equipo científico explica o porqué

Exemplares de pelícanos (Foto: Robert Beal).
"Isto podería axudar a estudar a formación e os patróns de voo das bandadas de aves reais, e despois eses coñecementos poderían aplicarse na industria da aviación", afirmou Mostafa Hassanalian, líder do proxecto.

Un equipo do Instituto de Minería e Tecnoloxía de Novo México (EUA) decidiu “dar unha nova vida” a paxaros mortos converténdoos en drons coa axuda da taxidermia para que poidan servir á ciencia.

O profesor de enxeñería mecánica Mostafa Hassanalian, quen lidera o proxecto, concluíu que os paxaros mecánicos non daban os resultados desexados, pero os modificados con taxidermia, en cambio, poderían axudar a estudar a formación e os patróns de voo das bandadas de aves reais, e despois eses coñecementos poderían aplicarse na industria da aviación.

Aplicación na aviación

"Se aprendemos como estes paxaros voan […] a enerxía entre si mesmos, podemos aplicalo na futura industria da aviación para aforrar máis enerxía e combustíbel", comentou Hassanalian nunha entrevista a Reuters.

O prototipo actual dun paxaro taxidermizado convertido en dron voa durante un máximo de 20 minutos, así que as próximas etapas do traballo dos investigadores enfocaranse en pescudar como prolongar o tempo de voo, e tamén en realizar probas ao aire libre entre aves vivas, agregou Hassanalian.

Cor e eficiencia de voo

Doutra parte, o estudante de doutoramento Brenden Herkenhoff, quen estuda a relación entre a cor e a eficiencia do voo, sinalou que os experimentos realizados mostraron que no caso dos avións de á fixa unha determinada cor pode cambiar esa eficiencia. "Cremos que o mesmo aplica para os paxaros", engadiu.