Paula Gómez, tenente de alcalde de Muras: "A Feira do Poldro e do Gando do Monte é para todos os públicos"

Paula Gómez, tenente de alcalde do Concello de Muras (Foto: Xaora Fotógrafos).

Ten 35 anos e reúne xente, veciñanza e gandeiros de toda a comarca baixo as altas árbores do Monte da Gañidoira. Trátase da Feira do Poldro e do Gando do Monte, no concello de Muras. ‘Nós Diario’ conversa con Paula Gómez, tenente de alcalde do municipio muresán para tratar a feira que este ano organiza ela e que ten lugar na última fin de semana de setembro.

—Van xa 35 edicións da Feira do Poldro e do Gando do Monte de Muras. Que vai encontrar a xente que decida achegarse até alí?
Efectivamente celebramos a 35 edicións da Feira que comezou no ano 1988. A xente encontrarase cunha feira que está pensada para todos os públicos, tanto urbano como rural. Van poder gozar do contacto cos animais e pensámola que sexa unha feira para estar en familia, polo que tamén teremos actividades para público infantil como o ‘Bautismo Hípico’ para que se inicien en montar a cabalo.

—En canto á programación. Con que outras actividades conta a feira?
Na mañá do domingo o programa céntrase no gando e a compravenda dos animais, que é a base económica de Muras. Abrimos a feira ás 10 e media hora despois comeza a cualificación do gando cun xurado que valora todos os animais que se presentan ao concurso. Haberá carreiras de cabalos de pura raza e cabalo marchador galego.

Ao longo da mañá faremos unha homenaxe a unha asociación que naceu en Muras nos anos 90, Atila, que é unha asociación de cabaleiros moi coñecida que demostrou moito esforzo e traballo ao longo das anos e que leva o nome do Muras alá onde vai. Haberá tamén unha degustación para exaltar a calidade da nosa carne e promocionar a comercialización deste produto autóctono criado en total liberdade.

A tarde do domingo xa se centra máis en actividades de lecer como carreiras de andadura e faremos a entrega de premios. Con todo, ao longo de todo o día haberá multitude de actividades e actuacións musicais.

O sábado facemos tamén degustación de hamburguesas de carne de Muras e salchichóns de carne de poldro e faremos tamén xogos rurais galegos. En xeral para nós é un evento moi importante que a veciñanza ve como moi súa e case a compararía coas festas patronais.

—Espera unha boa afluencia de xente?
Si, esperamos que se achegue a Muras moita xente. O número de persoas que asisten depende moito do tempo e agardamos que faga bo día. Estamos a ter moitas inscricións para postos e imos recibir unha cantidade alta de persoas.

—A feira naceu en 1988. Como foi evolucionando desde os seus comezos até a actualidade?
Eu sempre vivín esta feira e xurdiu porque este é un municipio gandeiro mais a carne que aquí se produce carecía de promoción. Algo que debemos continuar a traballar e é unha das liñas de actuación principais do noso goberno. Queremos dar a coñecer Muras e a súa orografía, que é un reclamo turístico especial.

A feira evolucionou moito, antes o gando estaba solto polo medio da feira e hoxe en día, por prevención, está dentro dos curros. Cada vez o mercado ambulante é maior e hai moita compravenda de animais.

—Que depara o futuro da feira?
A nosa idea é seguir a medrar e a facer a feira. Intentamos sempre pensar nos gandeiros e gandeiras, xa que a feira é deles, sen eles son sería posíbel. Querémola facer para promocionar a gandaría porque é algo fundamental para toda a veciñanza.

É unha festa de interese turístico galego e estamos traballando en convertela en festa de interese estatal. Tentaremos medrar e continuar a recibir xente nesta feira e darlle visibilidade á calidade dos nosos produtos.