A patrulla que exhibirá a bandeira de España en Compostela tivo tres accidentes mortais en medio ano

A Patrulla Aguia, sobrevoando Madrid, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Patrulla Aguia).

“Tres accidentes, en medio ano, non parecen ser casualidade”. Así se pronunciaba en febreiro de 2020 Rubén Pérez, ex xefe da Patrulla Aguia, en relación aos sinistros mortais da escuadra de avións que percorrerá o ceo de Compostela este domingo, Día da Patria Galega, para tinguir a capital da Galiza das cores da bandeira española.

A Patrulla Aguia, que este domingo fará acrobacias e tinguirá o ceo de Compostela das cores da bandeira española, con motivo da ofrenda do apóstolo e coincidindo coas tres manifestacións convocadas por entidades nacionalistas galegas, sufriu tres accidentes mortais en só medio ano.

En agosto e setembro de 2019 faleceron catro pilotos militares do citado destacamento, e en febreiro de 2020 tivo lugar a morte doutro militar tras estrelarse contra o mar mentres realizaba un ensaio programado na Manga do Mar Menor (Murcia).

Catro mortes en seis meses

O Exército do Aire non deu conta naquel momento das causas do sinistro decorrido en febreiro, que tivo lugar a primeira hora da tarde, a só un quilómetro da costa e no que faleceu Eduardo Fermín Garvalena.

O 26 de agosto morrera outro piloto, Francisco Marín, en circunstancias semellantes e na mesma zona. De feito, Garvalena substituíra Marín aos mandos da posición do Aguia Cinco, un C-101, coñecido como “Só”, por executar as acrobacias máis perigosas.

Ademais, en setembro de 2019, morrían o instrutor de voo Daniel Melero e a súa alumna Rosa María Almirón ao chocar contra a auga o avión Enaer T-35C Pillán tamén na Manga.

A respecto destes accidentes mortais, Rubén Pérez, ex xefe da Patrulla Aguia, declarara publicamente en febreiro de 2020 que tres sinistros “en medio ano non parecen ser casualidade”.

O ex militar desbotou a antigüidade dos aparatos como motivo dos accidentes, “hai que analizar moitos outros factores non só relacionados coa mecánica”.

"Hai que analizar moitos outros factores"

O avión C-101, que emprega a citada patrulla, é un modelo cuxas primeiras unidades entraron en servizo en 1980 e prevese a súa retirada nos próximos anos debido ao seu caro mantemento. O Exército español conta cunha flota dunhas 60 aeronaves C-101.

As condicións dos C-101 “poden ser, mais en ningún caso son determinantes”. “Hai que falar da presión á que son sometidos os pilotos, dos voos que se programan, das outras moitas tarefas que teñen que facer fronte... Son moitos factores, moitos, e os xefes teñen que sentar cos pilotos e ver que acontece, en que condicións saen a adestrar”, afirmara en febreiro de 2020.

Malestar pola presenza da Patrulla Aguia

O anuncio da exhibición da bandeira española en Compostela este 25 de xullo, coincidindo co Día da Patria Galega, provocou malestar nas redes sociais, que se encheron de mensaxes criticando as presenza do Exército de Aire español na capital da Galiza, así como os adestramentos que tiveron lugar na tarde da sexta feira, a baixa altura, na cidade da Coruña e arredores.