A patronal do metal busca impulsar a produción eólica mariña na Galiza

Presentación do proxecto Aowinde, esta sexta feira en Vigo. (Foto: Asime)
Asime cualifica o impacto dos muíños como "moi menores"

O Museo do Mar da Galiza, en Vigo, acolleu esta sexta feira a presentación do proxecto Aowinde (Atlantic Offshore Wind Energy, enerxía eólica mariña no Atlántico), unha iniciativa financiada con fondos europeos, con participación de socios galegos e portugueses, que ten como finalidade converter a eurorrexión Galiza-Norte de Portugal nun "polo de referencia na cadea de valor do sector da eólica mariña". 

Así, o trasladou o secretario xeral de Asime, a patronal do metal, Enrique Mañón, que explicou que este proxecto inclúe a creación dun "parque eólico flotante virtual para estudar o impacto" que este tipo de instalacións teñen sobre o medio mariño, uns efectos xa constatados pola frota pesqueira portuguesa: "arredor dos parques mariños non fica peixe", sinala. Porén, Mañón cualificou os "posíbeis" impactos da eólica flotante como "moi menores".

O secretario xeral insistiu en que, sendo a Galiza pioneira na fabricación de compoñentes dos muíños, e o Norte de Portugal na implantación de parques eólicos mariños, "sumando forzas imos ser líderes mundiais". Avanzaba así a súa posición favorábel á instalación de polígonos eólicos nas costas galegas.

Implantación "sostíbel"

Con respecto á implantación destes parques eólicos flotantes na Galiza, o secretario xeral de Asime sinalou que "falta tempo" para que se fagan realidade e recordou que existe un Observatorio, con presenza de todos os axentes implicados, para que esa implantación sexa "sostíbel".   

Aowinde está liderado pola patronal do sector do metal, Asime, e, ademais da Xunta da Galiza, conta con socios como as universidades de Vigo e A Coruña, Catim, Inesctec, Instituto Politécnico e a Cámara Municipal de Viana do Castelo e Aimmap.