MANUEL IGLESIAS

O patrón do barco expedientado por izar a enseña galega: “Eu a bandeira non a baixo”

Falamos co armador e patrón do 'Cabo de Hornos II', pesqueiro galego que fai fronte a unha multa de até 120.000 euros por levar a enseña branquiceleste ondeando canda a española.

“O que hai son moitas ganas de andar a amolar á xente”. Manuel Iglesias, armador e patrón do 'Cabo de Hornos II' recoñece a súa sorpresa, e malestar, polo expediente aberto na Capitanía Marítima de Santander. Un expediente que se produce a raíz dunha denuncia presentada pola Garda Civil contra este barco galego de artes menores por ter a bandeira galega ondeando canda a española e de maior tamaño.

- Até 120.000 multas lle poden caer por poñer unha bandeira galega máis grande ca española. O tamaño importa, logo

- Non era máis grande. Eran de igual tamaño! Non sei por que poñen iso no expediente. Eu pregunto, a ver, por que a bandeira galega non pode estar á altura da española nun barco? Non o está nos edificios oficiais de Galiza? Está, e son as dúas do mesmo tamaño. Non vexo que haxa problemas. Pois nun barco debería ser igual. Como digo eu, Galiza, amor de nai; e España, amor de pai.

Por que a bandeira galega non pode estar á altura da española nun barco? Non o está nos edificios oficiais de Galiza?

- Isto aconteulle en Santoña (Cantabria)

- Si. Fomos alá gañar catro patacóns e atopámonos con isto. Non hai cousas máis importantes? Non ten a Garda Civil nada mellor que facer? Pasaron polo peirao nun momento no que non estabamos ou non nos demos de conta, e aí empezou este expediente por falta grave. A multa pode chegar a 120.000 euros. É ridículo que as forzas de seguridade anden a isto, non pode ser que anden a amolar aos traballadores

- Hai moitos portos no Estado nos que non se ve un barco con bandeira española...

- E que como comecen con estas vai ser unha bomba de reloxería. En Euskadi os buques non izan a española, teñen a ikurriña, e algúns até poñen unha pirata, mais a española, non. A a nós os galegos, alá vai multa por poñer unha bandeira galega a carón da española.

O sector do mar? Aquí non hai quen nos defenda e en Madrid queren acabar con nós

- Pero tivo algún problema anterior por levar así as bandeiras?

Que va! Eu sempre andei coas dúas bandeiras e non tiven problema ningún. Vou recorrer o expediente, ando a mirar ese tema coa Confraría. Agora, a bandeira galega non a baixo nin a quito. Segue no mesmo sitio.

- E deixando xa o das bandeiras, como ve o sector do mar?

Imos fodidos. Aquí non hai quen nos defenda e en Madrid queren acabar con nós. O que lle fan ao cerco, ao arrastre, ás artes menores.... A xente do mar temos que ter unidade, por riba dos diferentes sectores, pensar que somos un. Todos temos a 'libreta' [cartilla de navegación], iso é polo que podemos traballar e iso é o que temos que defender. Unirnos, e todos a unha para adiante.