Un barco pesqueiro galego afronta unha multa de até 120.000 euros por izar unha bandeira galega máis grande ca española

Imaxe dun barco faenando na Ría de Arousa

Capitanía Marítima de Santander abreulle expediente por unha falta “moi grave”.

Un barco pesqueiro galego, o 'Cabo de Hornos Dos', fai fronte a un expediente sancionador que lle pode supoñer unha multa de até 120.000 euros. O motivo? Ter izada no buque unha bandeira galega de tamaño non inferior á española. Así o recolle esta cuarta feira o xornal 'La Opinión de A Coruña'.

O parte aberto pola Capitanía Marítima de Santander, pois a denuncia iniciouse cando estaba atracado en Santoña, sinala que o buque galego puido incumprir até catro puntos no que atinxe ás bandeiras nun barco, segundo di o mencionado xornal. A lei establece que todas as embarcacións deben levar como única enseña a española e que esta ten que estar ubicada nun lugar ben preferente na popa.

Ademais, a lei di que ningunha outra bandeira podería izarse se non o está a española e que esa 'outra bandeira' nunca poderá ser de dimensións superiores á española.

Non é un caso illado

Cómpre lembrar que en xullo de 2013 Sermos Galiza facíase eco das queixas e malestar entre mariñeiros da Ría de Arousa polas multas impostas pola Garda Civil por non levar a bandeira española nas pequenas embarcacións de pesca artesanal.