A lista vermella do patrimonio galego non para de medrar

Casa Grande, Bergantiños.
Ducias de bens precisan unha intervención urxente para evitar a súa destrución ou desaparición.

Os bens que integran as listas vermellas elaboradas por asociacións e colectivos de defensa do patrimonio de Galiza continúan a aumentar. Son listaxes nas que se inclúen aqueles bens e elementos do patrimonio que estean en grave risco de degradación, deterioro ou desaparición. Unha 'comisión científica' integrada por especialistas na materia é quen elabora esta lista en base a criterios como a importancia histórica e arquitectónica do ben ou o estado no que se encontra. Hai dúas listas a ter en conta, a de Patrimonio Galego (que supera os 10.500 bens catalogados) e o de ‘Hispania Nostra’.

'Hispania Nostra' naceu hai 40 anos para defender e poñer en valor o patrimonio do Estado español desde a sociedade civil. En 2007 impulsou a coñecida como 'Lista vermella do patrimonio. En 2014 integraban esa listaxe 12 bens galegos, un número que aumentaba a 18 a mediados de 2016 e que a comezos de 2017 estaba na vintena, cifra que se mantiña en 2018. En 2020 hai máis dunha trintena.

A Torre de Taboi, en Outeiro de Rei, O Pazo de Baldomir en Bergondo ou a Panificadora de Vigo son algúns dos elementos sobre os que HN advirte do risco no que se atopan.

Mais da lista tamén saíron algún bens grazas aos plans de recuperación, como os murais de San Xulián de Moraime (Muxía) ou  o Mosteiro cisterciense de Oia, do século XII.

Protección

Máis completa e traballada é aínda a lista vermella (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles en estado de abandono ou risco)  que fai Patrimonio Galego, que leva catalogados máis de 10.500 bens culturais por todo o país. Na súa lista vermella figuran case 120 tesouros do noso pasado “en perigo inminente”. De conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos, diversos elementos integran esta lista de Patrimonio Galego, que di que “está formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”.

A principios de 2015 figuraban nesa lista por volta de 40 elementos e en 2019 son case 120. Así pois, a lista non para de alargarse.

O Castro das Baradas (Lugo), o Pazo de Bergazos (Lalín), Convento de Montecubeiro (Castroverde), a Ponte Cabirta (Bugallido-Ames), o Círculo Lítico de Castrotión (Oca-A Estrada) ou a Igrexa de Santo Estevo de Pardollán (Rubiá) son exemplos de bens patrimoniais galegos que figuran na ‘lista vermella’ elaborada por ‘Patrimonio Galego’.