Patricia Rodríguez é cofundadora de "Na Abada"

Patricia Rodríguez: "Nas altas esferas é onde reside a clave para reverter todo o noso impacto ambiental negativo"

Rodríguez encárgase do coidado dos terreos da empresa familiar. (Foto: Nós Diario)
Patricia Rodríguez é a cofundadora de “Na Abada”, un negocio familiar dedicado á produción sostíbel e responsábel de alimentos de proximidade, que naceu da antiga empresa de flor cortada que tamén pertencía á familia. Rodríguez ten claro que o eixo fundamental da súa empresa é o respecto polo medio ambiente e a posta en valor da temporalidade e da proximidade. Ademais, asegura que as institucións internacionais deben ser as encargadas de asegurar e preservar a “saúde” do noso planeta.  

-Antes da venda de produtos alimentarios, comerciaban con flor cortada.

“Na Abada” naceu a raíz da pandemia. Os meses de confinamento levou a nosa empresa familiar a pasar por unha situación moi complicada. O sector da flor cortada, ao igual que moitos outros, depende moito da comercialización, polo que se esta para, o negocio non funciona. Tivemos que tirar a mercancía durante varios meses e non víamos nada claro un futuro próximo no que puidésemos retomar a actividade económica. Aí comezamos a pensar que quizais debíamos darlle unha volta á empresa e redefinir a produción.

Pensamos que a produción de alimentos de proximidade era unha boa opción, pois a reestruturación dos engrenaxes ía ser menos dificultosa. Ademais, antes da pandemia xa levábamos un tempo descontentas con algúns aspectos da produción da flor cortada, debido ao emprego de certos químicos nocivos, e apostar por unha produción máis sostíbel e ecolóxica parecíanos unha boa volta ao negocio.

-Foi difícil comezar un novo negocio coa pandemia?

Como xa dixen, o emprego de fitosanitarios no negocio da flor cortada era algo que non nos gustaba, polo que entendíamos que era necesario cambiar. A pandemia obrigou a moitísima xente a reinventarse, e nós pensamos que non podíamos ser menos. Comezamos co proceso de transformación dos terreos, das infraestruturas e dos coñecementos. Tivemos que buscar novos provedores; novos sistemas de cultivo, de rego... É certo que non partíamos de cero, pero si que houbo que explorar novas realidades, como a venta por internet, que antes desta situación nunca imaxinara.

-Que caracteriza os produtos que comercializan?

Quixemos recuperar a temporalidade que o actual mercado consumista esvaecera. Ofrecemos produtos de tempada e de proximidade. A nosa idea era ser unha opción de compra responsábel. Isto deriva en que a nosa oferta de alimentos desta semana pode non ter nada que ver coa da tenda online hai tres semanas. O noso obxectivo é volver a pór en valor a temporalidade e dar argumentos válidos a porque son necesarios eses tempos na natureza. 

-Cantas persoas forman parte actualmente da empresa?

De momento, seguimos a ser unha empresa familiar moi pequena. Producímolo todo nas nosas explotacións, que nós mesmas traballamos. Miña irmá e máis eu somos as que levamos a empresa como tal. Eu dedícome máis a produción e ela leva todo o relacionado coas redes sociais, a tenda en internet e demais. A pé de campo tamén traballan os meus pais e máis o meu marido.

-Cre que as institucións apostan por modelos produtivos menos lesivos para o medio ambiente? 

Penso que non todas as institucións son iguais. Aquelas que son de carácter local e están máis próximas ás cidadás están a facer máis forza e fincapé neste realidade, que vai desde a redución do impacto ambiental até a fixación de poboación no rural. Porén, onde realmente reside a clave para poder reverter toda esta situación é nas altas esferas, e non tanto a nivel local. Penso que neste punto, as economías de escala seguen a mandar por enriba de modelos como o de proximidade. Parece que o noso planeta ten que seguir a mandarnos sinais para que cambiemos, antes de que sexa demasiado tarde. Situacións como as ampliacións de aeroportos, cando cada día hai máis evidencias do impacto tan negativo que este medio de transporte ten para a pegada de carbono, deberían darnos unha pista de que as cousas non se están a facer nada ben nese sentido.