Entrevista

Patricia Faraldo Cabana, catedrática de Dereito Penal: "A reforma da lei do 'só si é si' non evitará rebaixas nas penas"

A profesora da Universidade da Coruña, Patricia Faraldo. (Foto: CCS)
Patricia Faraldo Cabana, catedrática de Dereito Penal na Universidade da Coruña, foi unha das persoas encargadas da redacción coñecida como Lei do 'só si é si'. Nesta conversa, explica a proposta de lei presentada polo PSOE para reformala tras a polémica provocada polas rebaixas das penas a agresores sexuais condenados.

—Existe un defecto na Lei Orgánica de Garantía integral da liberdade sexual, a coñecida como a lei do 'só si é si' e que foi aprobada o 6 de setembro, que precise realmente ser arranxado?
Non. Todas as leis son mellorábeis pero nesta non hai un defecto que poida ou deba ser corrixido cunha reforma tan precipitada e urxente como pretende o PSOE.

—Que supón para as vítimas de violencia de xénero a emenda que propón o PSOE desde o Goberno do Estado a esta norma? Implica volver ao modelo anterior?
Non exactamente. Mantense o consentimento afirmativo pero volve haber unha pena máis grave nos casos de violencia e intimidación. Ou cando a vítima ten anulada por calquera causa a súa vontade. 

Isto supón trasladar á poboación a idea de que hai dúas clases de vítimas. Unhas que merecen ser protexidas máis, que son aquelas cuxa resistencia se vence con violencia ou intimidación, e cuxos agresores serían condenados a penas maiores. E outras que, ben, poden ser protexidas, pero menos, porque non opuxeron resistencia. 

—A reforma trasladaría o foco do agresor á vítima?
Efectivamente, tal e como sucedía coa norma anterior, así é.

—Se a lei non precisa arranxos, que se pode facer evitar os efectos "innecesarios" dos que fala o PSOE, é dicir, a redución de penas a violadores, sen mudar o corazón da norma, que para Igualdade é o consentimento?
O PSOE sabe perfectamente que a proposta que fai non vai ter absolutamente ningún efecto nas excarceracións e nas rebaixas da pena. Sábeo perfectamente. Explícao de maneira moi clara o preámbulo da proposición que presenta. Que sentido legal ten esta emenda tan precipitada? Ningún. Unicamente, de cara á galería, ao público, están dicindo: "estamos a facer algo", pero ese algo non vai ser útil para as vítimas en ningún sentido. 

—Que implicaría volver ás figuras de abuso e agresión sexual?
O que propón o PSOE suporía desprazar de novo o foco do consentimento á violencia e á intimidación. Tan violada está a muller á que lle puxeron unha navalla no pescozo como a muller borracha que espertou e descobre que foi penetrada. Tanto unha muller como a outra foron violadas. 

Por que hai que distinguir nas penas propostas para ambos os casos? A mensaxe que transmite a reforma é que se unha muller sofre unha agresión sexual, se non foi intimidada nin atacada con violencia, neses casos a culpa é dela por non protexerse como se presupón que debía. 

—Poderíase facer algo para evitar o que Unidas Podemos chama "interpretación da lei" por parte do poder xudicial?
Pouco. Os xuíces e as xuízas son bastante resistentes a este tipo de intentos do lexislador de impoñer unha determinada interpretación. De feito, a tarefa dos xuíces é interpretar e nese aspecto non queren demasiadas instrucións. 

—Tanto a Organización das Nacións Unidas como o Parlamento Europeo teñen valorado a lei do 'só si é si' de maneira positiva porque representa o espírito da Convención de Istambul sobre prevención e loita contra a violencia machista. Que lectura fai vostede desta convención?
Pois efectivamente trata de que a violencia sexual xire arredor do consentimento. Isto é o que pretendemos con esta lei. Tratamos de adecuar a lexislación elaborada ao espírito Convención de Istambul.

Unha mudanza sen efecto nas condenas

O pasado 6 de febreiro o PSOE presentaba no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para modificar a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade sexual, Após fracasar a negociación cos seu socios de Goberno, Unidas Podemos, os socialistas presentaron unha proposta de reforma da norma que, para a catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña, Patricia Faraldo Cabana, "non terá ningún tipo de efecto nas rebaixas das condenas".

É así posto que a lexislación actual estabelece que os condenados teñen dereito a que se lles aplique a lei máis beneficiosa, aínda que esta fose derrogada. Polo tanto, a reforma da lei do 'só si é si' proposta polo Partido Socialista só se aplicaría aos delitos cometidos após a súa entrada en vigor. Isto é, poderán continuar as rebaixas das condenas emitidas con anterioridade.