O paso á universidade é a principal causa de éxodo rural entre a mocidade

Estudantado da USC (Foto: Santi Alvite)
Rocío Toxo Asorei, investigadora da USC, presentou un estudo en que indica que a transición á educación superior constitúe o primeiro ímpeto que leva á mocidade a abandonar e, por tanto, a emigrar das áreas rurais

A transición á educación superior constitúe o primeiro ímpeto que leva á mocidade a abandonar e, por tanto, a emigrar das áreas rurais, segundo se recolle nas conclusións da tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra a investigadora da Universidade da Santiago de Compostela (USC) Rocío Toxo Asorei baixo o título Factores determinantes da emigración rural da poboación moza de Galicia no século XXI.

Toxo Asorei caracteriza na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Ana Isabel García Arias e Carlos Antonio Allones Pérez, a emigración da mocidade rexistrada nas áreas rurais da Galiza.

"O contexto da Galiza do século XXI é moi diferente ao da centuria anterior, período no cal un modelo demográfico caracterizado pola inversión das migracións ao estranxeiro, a forte caída da fecundidade e da natalidade, a aceleración do proceso de envellecemento, a concentración da poboación nas áreas non rurais e o despoboamento xeneralizado de comarcas rurais do interior", salienta a investigadora.

Non obstante, a realidade advertida na Galiza, mantén a investigadora, "non constitúe unha excepcionalidade demográfica", xa que a evolución dos procesos demográficos responde a tendencias xerais propias das sociedades dos países de Europa occidental.

O perfil máis habitual

As estatísticas oficiais sobre migracións no país indican que o perfil máis habitual de emigrante rural é o dunha persoa de entre 25 e 34 anos que opta por estabelecerse nalgún concello non rural como consecuencia da súa transición á educación superior.

"A maioría das persoas que emigran das áreas rurais para cursar estudos superiores non retornan ao lugar de orixe unha vez graduadas, xa pola falta de oportunidades xa por mor da atracción que exercen as contornas urbanas como lugares de socialización e de realización persoal e profesional", explica Toxo Asorei.

A investigadora da USC sinala ademais que "a emigración rural da poboación moza é unha característica salientábel de moitas áreas rurais europeas e as súas consecuencias orixinan desafíos que urxe afrontar", a pesar de ser un fenómeno cuantitativamente menor que a emigración interurbana nesa mesma franxa de idade.