Un paso máis cara a "nova normalidade": Desaparecen da Galiza as restricións máis elevadas

As praias atraen ao público galego nesta desescalada paulatina. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade vén de comunicar a decisión tomada no marco dun novo encontro de traballo coas expertas e expertos do comité clínico. A pasada semana decidírase manter Mos e A Pobra do Caramiñal baixo fechamento perimetral, mais esa medida sobre a mobilidade quedou suspendida na segunda feira e, a partir do día 12 de xuño, só haberá dous chanzos de risco e limitacións (medio-alto e medio-baixo).

O comité clínico optou por non fechar perimetralmente ningún concello da Galiza esta semana nin manter o nivel alto de restricións, polo que haberá cinco municipios no chanzo medio-alto. O resto da Galiza permanecerá baixo as limitacións do chanzo medio-baixo. Así o comunicou esta terza feira a Consellaría de Sanidade após a reunión co grupo de expertas que se ocupa do asesoramento sobre a evolución epidemiolóxica da Covid-19.

O país vai quedar repartido en dous niveis de limitacións polo coronavirus: medio-alto e medio-baixo. No primeiro caso estarán, desde este sábado, as vilas de Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove.

O avance actual da pandemia permitirá prescindir nuns días dos fechamentos perimetrais e mesmo doutras limitacións inferiores pero tamén elevadas. Así, o resto de localidades ficarán coas medidas na hostalaría e outros negocios e servizos máis baixas, as propias do menor risco.

É probábel que na cuarta feira transcendan máis datos sobre os temas tratados nesta mesa de traballo. Os cambios entrarán en vigor na medianoite do sábado 12 de xuño e haberá un novo encontro na segunda feira. 

Avances rápidos

Hai tan só unha semana, a Xunta e as e os membros do comité decidían estabelecer o nivel máximo de restricións -que implica a prohibición da mobilidade para saír e entrar dun municipio agás en casos xustificados e o feche de toda a hostalaría- en Mos e A Pobra do Caramiñal, deixando Lobios fóra deste nivel despois dalgunhas semanas.

Igualmente, 13 localidades ficaban con restricións por enriba do resto do país. Mais tan só uns días despois, na sexta feira, anunciábase o descenso "ao nivel alto de restricións" dos dous municipios confinados, deixando Galiza sen ningún fechamento. Este foi un símbolo inequívoco dun paso máis na desescalada das medidas de control do coronavirus.

Vacinación e loita polas competencias

Nesta segunda feira xa se falou do verán como obxectivo temporal para quitar as máscaras no exterior. Porén, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que preferiría que nalgúns casos se mantiveran estes elementos de protección a máis longo prazo.

As reticencias do representante do Goberno galego non implican un paro na campaña de vacinación, que chegará en xullo ás menores de 40 anos e que mesmo permitirá que as persoas maiores de 18 anos soliciten o tratamento voluntario contra o virus para cubrir "ocos" na axenda.

Ao tempo que se producen estes anuncios, continúa a disputa entre a Xunta e o Goberno do estado español por ver cales son as medidas restritivas xerais que se van manter na "nova normalidade". Mentres o Ministerio de Sanidade ten o seu proxecto de "obrigado" cumprimento, a equipa de Alberto Núñez Feixoo pensa acudir ao Tribunal Constitucional se nada cambia no encontro multilateral desta cuarta feira.

Polo de agora o departamento de Carolina Darias xa viu como a Audiendia Nacional tombaba os seus criterios na Comunidade de Madrid.

Así mesmo, Sanidade tivo que dar un paso atrás ao anunciar que pediría PCR e vacinación para permitir a entrada de visitantes estranxeiros, mesmo no caso dos pasos fronteirizos con Portugal.