A vila acolle a chegada da penúltima etapa, que custará perto de 100.000€

O paso da Volta ciclista por Mos, un "gasto sen retorno" para Concello e Xunta

O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o de Sanxenxo, Telmo Martín (Foto: Xunta da Galiza).
Nin o Concello de Mos, nin a Xunta nin a empresa organizadora da Volta ciclista (Unipublic) desvelan o custo que ten para a vila do Louro acoller este sábado a penúltima etapa. Porén, roldaría os 100.000 euros, alén dos gastos derivados da organización e a promoción. A oposición mosense di que "non haberá retorno económico".

"Canto vai custar a Volta ás arcas municipais? Nada". Así de contundente se mostraba a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (PP), cando a oposición lle preguntaba o pasado ano polo desembolso que faría o Concello para acoller a saída da décimo quinta etapa da Volta ciclista a España 2020. Porén, tres semanas despois do evento recoñeceu que o custo fora de "exactamente 3.305 euros", malia que o BNG atopou un tempo despois "facturas por valor de 6.000 euros". Así mesmo, o Goberno galego abonou daquela 20.000 euros, e empresarios locais achegaron unha contía idéntica.

Este sábado o alto do Castro de Herville de Mos coroa a vixésima etapa, con saída en Sanxenxo, que será a última en ruta —a Volta remata o domingo cunha contrarreloxo entre Padrón e Compostela—. Mais tamén se descoñecen os gastos para o Concello e a Xunta da Galiza, nesta ocasión cunha maior implicación a fin de promover o Xacobeo 2021.

A empresa organizadora da Volta ciclista, Unipublic, nunca fai públicos os gastos que cada etapa ocasiona ás entidades locais, mais as tarifas oscilan entre 10.000 euros e un millón en función da relevancia da etapa. O Concello rexeitou informar a Nós Diario do custo do evento.

"Preguntamos en múltiples ocasións no pleno cal será o custo para a vila, mais a alcaldesa nunca quixo informarnos e dixo que se saberá 'cando chegue o momento'. O PSOE tamén o preguntou no Parlamento galego e o PP non deu ningún dato", lamenta, en declaracións a este xornal, a portavoz socialista, Victoria Alonso. "O que si sabemos é que este ano o desembolso será maior por acollermos a chegada dos ciclistas", engade.

A este respecto, o líder municipal do BNG, Gustavo Barcia, apunta que o custo "probabelmente non baixe de 100.000 euros", mais teme que poida ser "moi superior" polas "reticencias" a amosar as cifras. Para facer esta estimación baséase en experiencias pasadas de vilas de dimensións semellantes a Mos.

Os beneficios, para Vigo

Arévalo, pola súa banda, gábase da "gran repercusión mediática" que terá este evento para o municipio, que "vai ser noticia a nivel mundial". Porén, desde a oposición negan que o investimento do Goberno local vaia ter un retorno económico.

"Só se benefician os veciños que viven nas inmediacións do trazado da etapa, porque de maneira repentina o Concello está a asfaltarlles os vieiros e a acondicionar os accesos. Así actúa este goberno, con improvisación e sen ningún tipo de planificación, mentres en moitas parroquias non se fai nada", afirma o portavoz de Gañamós, Roberto Carlos Rodríguez.

Tamén Victoria Alonso incide nesta cuestión: "Nestes momentos de pandemia non hai que apostar por campañas mediáticas, senón axudar os veciños e as empresas. Hai un ano pedimos unha axuda de 1.000 euros para cada autónomo e a alcaldesa rexeitouna. Con eses cartos poderían subsistir un par de meses, mais coa Volta... Que beneficio poden obter?".

Neste senso, Gustavo Barcia lembra que Mos "carece dun núcleo urbano" e ten poucos estabelecementos hostaleiros e apenas un hostal. "O ano pasado os equipos aloxáronse en Baiona e Vigo, que novamente serán os municipios beneficiados mentres aquí non sacamos nada", di.

Os tres portavoces coinciden na "total opacidade" e na "falta de diálogo" coa que goberna o PP, con maioría absoluta desde 2011. "Acabamos de saber grazas a un veciño que o Concello puxo unha escultura dun ciclista nunha das rotondas do percorrido, e non sabemos o prezo. E recentemente forrou de pedra con motivos da Volta un depósito de auga no Herville que semella que para a alcaldesa quedaba feo, e isto custou 10.000 euros a través dun contrato por exclusividade", salienta Alonso.

A maiores do custo de acoller a etapa, o Goberno local asume outros gastos como as "horas extra dos axentes policiais" ou a elaboración de diferentes produtos propagandísticos como maillots e máscaras. Aliás, a Xunta investiu 100.000 euros no asfaltado da subida ao Herville e adxudicou a Unipublic un contrato por valor de 400.000 euros para promover o Xacobeo nas tres etapas que decorreron na Galiza.

Mos tínguese de verde para protestar contra o 'pelotazo urbanístico' do Celta en Tameiga

A plataforma Auga é Vida fai un chamamento á veciñanza mosense a "expresar o seu rexeitamento, durante a retransmisión da carreira, á operación urbanística promovida por Nidia Arévalo e Carlos Mouriño [presidente do Real Club Celta] no monte común de Tameiga", en referencia á cidade deportiva Afouteza, cuxa licenza para a construción dos vestiarios foi declarada "nula" o pasado xuño por un xulgado pontevedrés. Así, insta a portar camisolas verdes e bandeiras en contra da construción do centro comercial que o Celta proxecta en Tameiga.

Por outra banda, desde Auga é Vida lamentan a "falta de transparencia" do Concello a respecto dos gastos derivados da etapa ciclista e temen que o evento se converta "nun acto de propaganda personalista da alcaldesa".