xoves 16/09/21

O galego Carlos Canal, protagonista de etapa na Volta Ciclista a España

Permaneceu fugado durante a meirande parte do percorrido.
Carlos Canal permaneceu fugado durante gran parte da cuarta etapa (Foto: Photo Gómez Sport).
Carlos Canal permaneceu fugado durante gran parte da cuarta etapa (Foto: Photo Gómez Sport).

Protagonismo galego na cuarta etapa da Volta Ciclista a España, que uniu as localidades do Burgo de Osma e Molina de Aragón. Apenas tivo lugar a saída lanzada do percorrido de 163 quilómetros, Joan Bou (Euskatel Euskadi) e os corredores do Burgos Ángel Madrazo e o limiao Carlos Canal protagonizaron unha longa escapada que chegou a ter tres minutos de vantaxe sobre o pelotón, pero que foi neutralizada a tan só 15 quilómetros da liña de meta.

Suárez e Marque brillan en Eslovenia e Portugal

Canal ten apenas 20 anos, 21 menos que Gustavo César Veloso, que correu a súa derradeira Volta a Portugal na que, se ben non puido finalizar nas posicións de provilexio, exerceu como gregario de auténtico luxo para o seu compatriota Álex Marque.

O estradés finalizou a clasificación xeral no terceiro posto, un gran resultado co agridoce sabor de rematar a só 1.23 minutos do liderado nunha proba que homenaxeou un Veloso que marcha "feliz de formar parte da historia dunha gran carreira como é a Volta a Portugal".

A case 3.000 quilómetros de alí, en Maribor (Eslovenia), o rider vigués Ángel Suárez foi quen de meterse entre os 10 mellores na Copa do Mundo de DHI.

Clasificado en noveno lugar na xeral -e a só 1,7 segundos da quinta posición-, o ciclista do Commençal 21 retornou do mellor modo posíbel á competición logo dunha parada a causa duns problemas físicos que lle obrigaron a desistir de defender o seu título de campión de España. 

Peor sorte correu o tamén galego Pablo Rodríguez, que abandonou no Campionato de Europa de XCO de Novi Sad (Serbia).

comentarios