Pasear pola beira do Miño ao tempo que se custodia a súa riqueza

Imaxe: Heineken24

A plataforma ‘Lugo de cara ao Miño’ organiza este verán andainas nos que, para alén de gozar, da contorna do río, as voluntarias poderán inspeccionar e recoñecer o estado do río.

Pasear pola beira do Miño ao tempo que se vixía que este non sufra agresións ambientais. Esta é a proposta que a plataforma ‘Lugo cara ao Miño’ lanza neste verán e que abre á participación de toda aquela persoa interesada. As recentes talas en bosque de ribeira no tramo do Miño comprendido entre o Clube de Piragüismo e a zona de Meilán foron o que levou á plataforma cidadá a idear e pular por esta iniciativa de custodia territorial do río.

“A iniciativa consiste en facer, durante unhas dúas horas, paseos de inspección ou recoñecemento dos valores paisaxísticos e ambientais do río en varios dos seus treitos dentro da contorna da cidade”, explica o colectivo.

Con estas andainas, ‘Lugo de Cara ao Miño’ busca facer un seguimento temporal continuo de todo o que teña a ver co río: estado da vexetación das marxes e do bosque de ribeira, posíbeis puntos de vertido, calidade das augas, impactos urbanísticos ou garantía do dereito de servidume de paso, entre outros aspectos.