Tres parques naturais carecen de Plan reitor de uso e xestión

Brigadas antiincendios prepáranse para combater o lume en Prado de Limia, Muíños (@Briflaza)
O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés perdeu máis de 2.000 hectáreas nos últimos días. O lume arrasou case por completo a súa reserva integral mentres segue á espera da aprobación dun novo Plan reitor de uso e xestión complementario do Plan de ordenación dos recursos naturais revisado en 2009 após a súa creación en 1993.

No ano 1993 declarouse o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, un espazo protexido que superaba as 20.000 hectáreas repartidas entre os concellos de Entrimo, Lobios e Muíños. A canda a súa creación aprobouse o Plan de ordenación de recursos naturais (PORN) á espera dun Plan reitor de uso e xestión (PRUX) que chegou en 1998 e que quedou obsoleto tres anos máis tarde. Desde entón, o espazo protexido espera un novo plan. Un marco obrigatorio por lei e necesario para a planificación dos usos que se poden dar sobre o territorio e os requirimentos baixo os que se deben desenvolver para facelos compatíbeis coa conservación da área e das especies protexidas.

Segundo Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), o PRUX "ten un valor real, malia o desinterese da Administración por concretar as normas que determinen o que se pode e o que non se pode facer dentro dos sus límites". 

O parque natural é a máxima figura de protección na Galiza.

En 2018, máis de dúas décadas despois da declaración do parque natural, a Xunta iniciou o procedemento para a aprobación do PRUX. "A Lei de conservación da natureza de 2001 derrogada pola Lei de patrimonio natural e da biodiversidade da Galiza, de 2019, estabelecía dous anos para a aprobación dese plan principal desde a creación dun parque natural. Un prazo que desapareceu da última norma e que parece querer restarlle responsabilidade á Administración, por máis que segue sendo preceptivo e esencial para a xestión e conservación destes espazos protexidos", sinala Beltrán Puentes, investigador predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela no ámbito do Dereito Público.

Abandono e desprotección

O parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés non é o único que bota en falta o seu Plan reitor de uso e xestión. "Dos seis parques naturais cos que conta Galiza na actualidade, tutelados directamente pola Xunta, só tres dispoñen de PRUX, os tres aprobados no último ano", afirma Fins Eirexas, secretario xeral da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega).

Os PRUX dos parques naturais do Invernadeiro e Serra Enciña da Lastra aprobáronse en setembro de 2019. O do parque natural Monte Aloia actualizouse en febreiro de 2020. "O parque natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán foi declarado en 1992. Suma case tres décadas de espera para saber cales son os límites que rexen o aproveitamento dos seus recursos", salienta Eirexas. "O parque natural das Fragas do Eume creouse en 1997 e non foi até 2017 que se iniciaron os trámites para dotalo dun plan reitor, agora paralizado".

Galiza non só ten poucos parques naturais, e pequenos, senón que é o territorio do Estado con menos porcentaxe de superficie protexida pola Rede Natura.

O parque natural é a máxima figura de protección na Galiza. "E malia a riqueza de hábitats e a diversidade de especies, contamos cun número ridículo de espazos protexidos que, ademais, se xestionan sen as ferramentas necesarias para a súa conservación, mesmo con medidas prexudiciais para a súa custodia", inciden desde Adega. Neste sentido, Fins Eirexas sostén que "o uso e ordenamento dos parques naturais colide cos intereses turísticos e urbanísticos que se dan a contorna do parque de Corrubedo ou cos intereses do sector da madeira que operan nas Fragas do Eume. O Goberno galego prefire sacrificar a xestión dos espazos protexidos, tamén no Xurés e noutras áreas de valor, onde ten consentido carreiras de 4x4 que arruinaron especies custodiadas".

Obrigas legais

"Non pode ser que, nin para os espazos naturais de maior interese nin para as especies en perigo, a Xunta estea a incumprir a súas obrigas legais, que pasan pola creación dos plans de uso e xestión e os plans de recuperación e conservación das especies ameazadas", engade Serafín González. Plans que non teñen carácter de lei, apunta Puentes, pero que poderían ter "carácter normativo sempre que impoñan obrigas e cargas sobre os suxeitos. O que sucede é que son máis ben descritivos, e calquera sinal de norma queda nunha mera declaración de intencións".

Para o presidente da SGHN a desidia da Administración galega a respecto do patrimonio natural de máis valor tamén se advirte na "insignificante" dotación orzamentaria que adxudica a cada espazo e na supresión das direccións dos parques naturais. "Non hai unha vontade real de que os parques funcionen ben. Dunha banda, falta investimento para poder executar medidas beneficiosas para o desenvolvemento sustentábel e a conservación eficaz de cada espazo, que a Xunta obstaculizou ao eliminar as súas direccións particulares, instaladas sobre o terreo, e crear unha superdirección única en Santiago, afastada da realidade e das necesidades dos distintos territorios".

Custodia fronte aos lumes

"Galiza non só ten poucos parques naturais, e pequenos, senón que é o territorio do Estado con menos porcentaxe de superficie protexida pola Rede Natura", engade Beltrán Puentes. "Como figura de protección é menor, pero á vista do noso patrimonio é un dato significativo. Hai 15 anos que nin se amplía a superficie protexida nin se declaran novos espazos".

A raíz do problema dos lumes é social, e segue sen abordarse. Insistir na intencionalidade e dedicar todos os esforzos á extinción non resolve o problema nin exime de responsabilidade.

Na práctica, sinalan unha pasividade administrativa que impide a consolidación dunha planificación eficiente dos recursos e usos dos parques naturais, así como das medidas necesarias para a súa conservación, cuxas consecuencias se observan, unha vez máis, no incendios forestais. O lume arrasou en días pasados a reserva integral da Baixa Limia-Serra do Xurés. No que vai de verán arderon máis de 3.000 hectáreas nunha zona “declarada reserva da biosfera, de interese comunitario e de especial protección para as aves; mais sen rastro de actuacións propias dun territorio de especial protección", asevera Serafín González. 

"O Xurés arde desde hai 50 anos, ao igual que o Macizo Central. Zonas de montaña, afectadas polo despoboamento, onde se privou a xente do uso do monte como ferramenta agrícola e gandeira sen brindarlle alternativa, onde as repoboacións forestais forzosas iniciadas polo Estado hai xa perto dun século desataron unha conflitividade que deu pé ao emprego do lume como protesta", e que se estendeu no tempo como solución para todo, afirma González. 

"A raíz do problema dos lumes é social, e segue sen abordarse. Insistir na intencionalidade e dedicar todos os esforzos á extinción non resolve o problema nin exime de responsabilidade", engade. "Urxe un plan de desenvolvemento que garanta unhas condicións de vida dignas tamén desde o punto de vista ecolóxico", conclúe.