Os parques eólicos revolven O Morrazo

Asemblea veciñal en Bueu para informar do impacto do complexo eólico. (Foto: Nós Diario)
O complexo eólico afecta aos concellos de Bueu, Marín e Moaña

As primeiras tentativas de instalar un complexo eólico no Morrazo remóntanse a hai 10 anos. Naquela altura, a compañía de capital italiano Enel Green Power tentou pór en marcha un parque de grandes dimensións coa denominación de Pedras Negras entre os concellos de Vilaboa e Moaña. A oposición veciñal, liderada pola Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo, conseguiu tras unha intensa campaña social de anos que a empresa promotora desistira finalmente do proxecto. 

A mediados do mes de outubro sóubose do interese de ACS por erguer un parque eólico nos montes da parroquia de Ardán en Marín e dos núcleos próximos de Cela e Ermelo en Bueu. O proxecto recolle a posta en marcha de 14 aeroxeradores dunha altitude entre 120 e 200 metros e incorpora a súa area de afección a outras localidades da comarca como Miñán en Marín ou Broullón en Moaña.

A resposta da veciñanza non se fixo agardar e o pasado 3 de novembro constituíse a plataforma Eólicos no Morrazo Non. A iniciativa non tardou en aglutinar diversos colectivos da comarca como a Mancomunidade de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do Morrazo, Adega, Anduxía, asociación micolóxica Liboreiro, Amigos do Morrazo Verde ou colectivo feminista Zeibas.

A oposición ao proxecto eólico incrementouse desde aquela. A un tempo, novas entidades sumáronse ao colectivo e diversas institucións da comarca expresaron o seu rexeitamento ao parque. Segundo sinala a Nós Diario, a voceira da plataforma, Sara Montenegro, “as corporacións de Moaña e Vilaboa aprobaron mocións no pleno rexeitando o proxecto e o BNG de Bueu e Cangas tamén presentou estas mocións pendentes aínda de debate. En todo caso, agardamos que dentro de pouco todas as corporacións rexeiten de forma unánime este proxecto”.

“A preocupación é palpábel”

Montenegro, veciña de Ardán, en Marín, afirma que “a preocupación na comarca é palpábel”. “Á veciñanza preocúpalle a perda de valor da súas propiedades, derivada do cambio na cualificación do solo”, destaca Montenegro, quen pon tamén o foco no seu impacto sobre os servizos de auga porque “moitos núcleos do Morrazo non temos auga de traída municipal.

De toda a vida temos traídas mancomunadas, feitas por grupos de veciños. Moitas destas traídas, coas minas de auga situadas nas partes altas das aldeas, é moi posíbel que se vexan afectadas”.

“Pero os estragos non rematan aí”, continúa Montenegro, que lembra que “na área onde pretenden pór os muíños existe un gran patrimonio arqueolóxico e cultural, moito del inventariado e recollido nos diferentes ordenamentos”. Así, entre este, destaca o castro do Monte Castelo ou a mámoa do Chan de Gagán, ambos os dous en Marín.

A plataforma Eólicos no Morrazo Non denuncia o impacto ambiental do complexo. A este respecto, lembra que lugares onde están previstos os eólicos correspóndense “con brañas, breixeiras ou bosques de ribeira, todos eles hábitats protexidos pola Unión Europea”.