Tres parques eólicos en Ordes e Bergantiños ameazan flora endémica galega única no mundo

Imaxe: floradegalicia.wordpress.com/

Greenalia presentou 3 proxectos de parques eólicos  nunha mesma área xeográfica arredor do Monte Castelo e a lagoa de Alcaián, nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia. Adega alerta do seu impacto.

Adega ten claro que os tres proxectos de parques eólicos  presentados por Greenalia nunha mesma área xeográfica arredor do Monte Castelo e a lagoa de Alcaián, nos concellos de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia; son una ameaza para especies tan sensíbeis como a Centaure ultreiae Silva Pando. “Esta planta é un endemismo galego cuxa poboación mundial total está composta por 6.821 individuos distribuídos en dúas cuadrículas de 10x10 km arredor do Monte Castelo e a lagos de Alcaián”. 


Centaurea ultreiae está considerada como “en perigo crítico de extinción” no Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, e catalogada tamén como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas


Precisamente nesta área, explica o colectivo ambientalista, sobre un raro substrato ultrabásico plagado de endemismos e especies pouco frecuentes, é sobre a que se pretenden desenvolver estes aproveitamentos eólicos. 

 

A Lagoa de Alcaián foi proposta para formar parte da Rede Natura 2000 polos seus excepcionais valores ecolóxicos e a rareza das especies presentes, entre as que tamén se atopan outras especies endémicas en perigo de extinción e/ou vulnerábeis como a Lycopediella inundata, a Euphorbia uliginosa, a Centaurea ultreiae ou a Spiranthes aestivalis, que xa sufriron importantes danos nas súas poboacións en novembro do 2016, logo da apertura dun camiño por parte da Consellaría de Medio Rural.

 

“Tramitación fraudulenta "

 

Os tres parques que teñen o mesmo promotor, coinciden nunha mesma área xeográfica e mesmo partillan infraestruturas: liñas de evacuación e estación transformadora. Son portanto, afirma Adega, “un mesmo parque eólico despezado en tres, que ao non superar individualmente os 50MW de potencia, serán tramitados pola Xunta”.


O Consello da Xunta, através da Dirección  Xeral de Enerxía e Minas, concedeulles en maio pasado aos tres e no mesmo acto administrativo, a declaración "de interese especial". Esta categoría, recollida na Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais implica a tramitación prioritaria e a redución á metade dos prazos de instrución, alén de que automaticamente considérase prevalente a utilidade pública das instalacións sobre calquera outra.